publicidade hoxe

A Cidade da Cultura afonda en ‘Nexos’ na cultura e na realidade xeopolítica do mundo árabe e musulmán

A mesta herdanza da cultura árabe e musulmá, o seu contexto xeopolítico e aos seus conflitos sociais actuais serán analizados polo miúdo este sábado, día 14, na nova sesión de Nexos, unha análise que procura afastarse dos clixés e tópicos da man da socióloga Gema Martín Muñoz, directora da Casa Árabe durante seis anos.

O relatorio de Gema Martín Muñoz en Encrucilladas no mundo árabe e musulmán procurará enfrontarnos a esta análise sen os lentes deformantes de Occidente xa que é profesora de Socioloxía do Mundo Árabe e Islámico da Universidade Autónoma de Madrid; foi tamén profesora visitante na Universidade de Harvard e colaboradora da Universidade da Sorbona; e columnista no diario El País durante dúas décadas.

O seu coñecemento profuso sobre o mundo árabe e musulmán tamén vén corroborado polas súas publicacións, entre as que se atopan Irak, un fracaso de occidente (1920-2003) (Tusquets Editores, 2003) e El mundo árabe en busca de la excelencia democrática (Universitat de València, 2012).

Con esta sesión de Nexos preténdese rachar con certos tópicos e inexactitudes como confundir árabe con musulmán —o 80% dos musulmáns non falan árabe—, ou islámico con islamista. Neste mesma liña de derrubar clixés afondarase no pluralismo do islamismo, que non é unha realidade única ou monolítica, xa que entre os seus afíns cohabitan visións moi dispares e enfrontadas.

Ante este tipo de clixés, Gema Martín Muñoz acode a esta xornada na Cidade da Cultura para ofrecer unha mirada menos eurocéntrica que desvele cales son os temas prioritarios para esas sociedades, cales son os intereses en conflito, que demandan os seus movementos sociais e descubrir cales son as súas verdadeiras preocupacións e se coinciden coas marcadas por Occidente: a ameaza terrorista, o rol da muller, a saúde democrática ou o subministro enerxético.

Espectáculo sonoro e visual de Nenoescuro

A intervención de Gema Martín Muñoz rematará, como vén a ser habitual nas sesións de Nexos, cunha actuación artística. Neste caso contarase co espectáculo sonoro e visual inspirado na poesía de tradición sufí, a cargo do artista multidisciplinar Nenoescuro. Coa colaboración de Yasmina Farhani, mergullará os e as participantes pola tradición sufí desde unha lectura contemporánea.

De igual xeito, contarase cunha sesión de Nexos Infantil paralela para que os máis pequenos e pequenas da casa afondasen nas mesmas cuestións que na sesión para os adultos, pero dun xeito plástico e creativo adaptado as súas idades, entre 5 e 12 anos.

Deste modo, neste obradoiro a cativada porá en común todo o que saben ou cren coñecer do mundo árabe e a súa cultura co obxecto de desmontar prexuízos a través da descuberta polo miúdo —e dun xeito divertido e didáctico— da súa música, da súa gastronomía e dos seu patrimonio.

O obxectivo de Nexos Infantil con estes obradoiros é que, á saída do ciclo, maiores e pequenos teñan reflexionado e aprendido sobre as mesmas temáticas, cada quen desde a súa perspectiva, para poder logo conversar de xeito interxeracional. Porá punto e final á sesión de Nexos dese sábado o tradicional convite a viño e petiscos, cortesía de Bodegas Martín Códax e Pan do Mar, de Conservas Antonio Pérez Lafuente.

A renovación da música portuguesa

A vindeira cita con Nexos será o 16 de xuño sobre A renovación da música portuguesa cunha entrevista a Teresa Salgueiro, a vocalista de Madredeus durante vinte anos, e contarase cunha actuación musical sorpresa, xa que se trata da derradeira sesión desta edición.

9 de abril de 2018 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.