publicidade hoxe

Vaca Films desenvolve a rodaxe de Feedback en Galicia cun reparto internacional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A produtora galega Vaca Films e a catalá Ombra Films están a desenvolver en Ordes a rodaxe de Feedback, un thriller con reparto internacional adxudicatario en 2016 dunha subvención á produción audiovisual da Xunta de Galicia. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, visitou o plató que acolle ata o vindeiro 16 de marzo a práctica totalidade da filmación.

Feedback é a ópera prima de Pedro C. Alonso, que debuta no eido da longametraxe despois dunha exitosa carreira no mundo publicitario. Alonso asina tamén o guión xunto con Alberto Marini. Rodada integramente en inglés, encabezan o reparto os británicos Eddie Marsan, Paul Anderson e a española Ivana Baquero.

Nos estudios TEX45, nos que está a ter lugar a rodaxe, recreáronse os decorados da trama principal, que transcorre nunha emisora de radio londiniense. Unha vez rematado o traballo en Galicia, todo o equipo se desprazará ata Londres para a gravación de exteriores.

Feedback cofinánciase con 238.982 euros procedentes da convocatoria de 2016 da Agadic á produción e coprodución audiovisual galega, a principal liña económica destinada ao fomento do sector que mantén a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O filme conta tamén coa participación de Televisión Española e Movistar+, ademais dos apoios do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) e do Programa Media. Será distribuído en España por Entertainment One, compañía independente global especializada en contidos de entretemento.

A película conta a historia de Jarvis Dolan, unha carismática estrela radiofónica. Divertido e desapiado nos seus argumentos, Jarvis entretén a súa audiencia na madrugada. A noite que tiña previsto revelar un gran escándalo futbolístico, o seu programa toma un xiro macabro cando irrompen dous enmascarados e toman o control a punta de pistola.

8 de marzo de 2018 | 16:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.