publicidade hoxe

Uns 5.000 escolares participarán en máis de 60 actos previstos por Medio Rural polo Día Internacional dos Bosques

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Rolda de prensa de Tomás Fernández-Couto

Rolda de prensa de Tomás Fernández-Couto

Uns 5.000 escolares de toda Galicia participarán nas actividades programadas pola Consellería do Medio Rural con motivo do Día Internacional dos Bosques, que se celebrará, como todos os anos, o vindeiro 21 de marzo. A Organización das Nacións Unidas instituíu esta xornada para poñer de manifesto a importancia destes ecosistemas e sensibilizar á poboación sobre a necesidade da súa axeitada protección, ordenación e fomento.

O director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, explicou esta mañá en rolda de prensa os detalles desta programación e indicou que a Xunta se suma a este evento para chamar a atención sobre a riqueza ambiental, económica e social do monte, así como sobre a necesidade de promover o seu aproveitamento sustentable.

Fernández-Couto sinalou que o Goberno galego organizou máis de 60 actividades en medio cento de colexios da comunidade, que terán lugar entre os días 16 e 23 de marzo. Trátase, fundamentalmente, de charlas divulgativas e plantacións de árbores por parte dos alumnos, a maior parte delas autóctonas.

Estas iniciativas complementaranse con outras accións enfocadas cara as persoas maiores, así como con demostracións con motobombas e helicópteros de loita contra os incendios, obras de teatro, lectura de poemas ou xogos populares centrados na temática forestal. Engadiu que o programa céntrase nos máis cativos, porque “eles son os xestores de futuro da nosa riqueza forestal”.

Segundo dixo o director xeral, este programa desenvolverase nos dezanove distritos forestais nos que se distribúe Galicia, co seguinte reparto provincial: Na Coruña haberá oito charlas e outras tantas plantacións en 13 colexios; en Lugo serán 11 as charlas e o mesmo número de plantacións en 10 centros educativos; Ourense acollerá catro conferencias e seis plantacións nun total de 19 colexios e en Pontevedra impartiranse sete charlas e levaranse a cabo idéntico número de plantacións en oito colexios da provincia. Así pois, son 30 as charlas programadas e 32 as plantacións previstas, nun total de 50 centros educativos.

Galicia, potencia forestal

Na súa intervención, Fernández-Couto lembrou a vocación “claramente forestal” de Galicia, xa que ata o 66% do seu territorio ten este uso. A nosa comunidade, engadiu, conta con algo máis de dous millóns de hectáreas de monte e está considerada a novena potencia europea neste eido. Ademais, lidera o sector en España, xa que máis da metade da madeira que se corta no territorio nacional procede de Galicia.

O director xeral advertiu que a Xunta traballa para poñer en valor toda esta riqueza e, neste contexto, impulsou a primeira lei de montes de Galicia e está a revisar o Plan Forestal, como ferramenta básica de planificación neste ámbito cara o futuro. Faino sempre buscando o máximo consenso político, social e sectorial posible, considerando estratéxica para a nosa Comunidade a adecuada xestión dos seus montes.

12 de marzo de 2018 | 16:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.