publicidade hoxe

Uns 300 escolares da Ribeira Sacra celebran o Día internacional dos Bosques no viveiro da Xunta en Bóveda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBóvedaLocal PortadaLugo
A-
A+

Preto de 300 escolares da Ribeira Sacra celebraron hoxe o Día Internacional dos Bosques no viveiro da Consellería do Medio Rural Os Trollos, no municipio de Bóveda, nunha xornada de educación ambiental organizada pola consellería en colaboración co Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) da zona.

En concreto, participaron 279 alumnos e 27 profesores de distintos centros escolares dos 15 concellos lucenses que integran o GDR da Ribeira Sacra. Compartiron con eles esta celebración o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, así como alcaldes e representantes dos concellos implicados, entre eles o rexedor de Bóveda e presidente do GDR, José Manuel Arias.

Balseiro instou aos nenos e nenas a tomar parte “a favor dun monte vivo e con futuro”, apelando á necesidade de que as novas xeracións se conciencien “do importante papel que deben xogar na preservación dos bosques”.

Ao longo da mañá, os alumnos puideron visitar a aula forestal, onde se expón unha colección de sementes, paneis explicativos dos ciclos do monte, ferramentas utilizadas para a corta e tratamento da madeira, e se proxecta un pequeno vídeo explicativo, entre outro material.

Así mesmo, nunha carpa instalada para a xornada, construíron unha caixa niño para aves e participaron no obradoiro “Sementar, sementarei”, plantando unha semente de especies autóctonas que levaron para as súas casas xunto con diferentes obsequios conmemorativos, tales como chapas e material escolar da campaña “Son cortalumes” desenvolvida por Medio Rural para sensibilizar sobre a importancia de loitar contra os incendios nos montes.

O delegado territorial explicou que estas actuacións terán continuidade porque a Consellería do Medio Rural “ten previsto darlle ao viveiro dos Trollos un enfoque claramente pedagóxico, invitando a todos os colexios da provincia para que o visiten e aprendan diversas cuestións sobre os tipos de árbores e os coidados do monte”.

Declaración institucional

Conforme á declaración institucional da Xunta de Galicia con motivo do Día Internacional dos Bosques, José Manuel Balseiro apuntou algúns datos para chamar a atención dos escolares sobre a riqueza ambiental, económica e social que representan os bosques, “dado que nos proporcionan alimentos, menciñas, combustible e abrigo, e neles viven o 80% das especies animais e vexetais”.

O delegado explicou que Galicia ten unha vocación claramente forestal, con máis do 68% do seu territorio con árbores; contamos con dous millóns de hectáreas de superficie forestal, sendo Lugo a provincia coa maior extensión forestal de Galicia. Tamén apuntou que “somos a novena potencia europea neste ámbito, liderando o sector en España. De feito o 50% da madeira que se corta no territorio nacional procede da nosa comunidade”.

O monte galego en conxunto considérase un ecosistema forestal complexo e dinámico, que alberga diversos recursos naturais renovables, de forma que ademais de acumular madeira e reter carbono tamén constitúe unha reserva de biodiversidade e un almacén de enerxía.

21 de marzo de 2018 | 16:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.