publicidade hoxe

Unhas 170 familias beneficiáronse das axudas para a instalación de novos ascensores en Ourense, a cidade que captou máis subvencións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurense
A-
A+
Ethel Vázquez na visita á cidade de Ourense

Ethel Vázquez na visita á cidade de Ourense

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, visitou hoxe esta cidade, na que un total de 22 comunidades de propietarios foron beneficiadas das axudas do Goberno galego para a instalación de ascensores, por un importe superior aos 545.000 euros, mellorando a accesibilidade de preto de 170 familias.

Vázquez Mourelle achegouse hoxe á Comunidade de Propietarios da rúa Cabeza de Manzaneda, 7, un edificio dos anos 60 con 8 vivendas que non dispoñía de ascensor, polo que optaron ás axudas da Xunta, neste caso dúas ordes, a de ascensores e a de rehabilitación edificatoria, e cubriron o 100% do custo, case 48.000 €. Dende finais do pasado ano, xa o teñen en pleno funcionamento.

Explicou que esta primeira convocatoria tivo unha moi boa acollida xa que, en toda Galicia, posibilitou a instalación de ascensores para máis de 400 vivendas. Concretou que debido a este éxito, a Xunta redobra os esforzos e convocará este mes estas subvencións co dobre de investimento, 2,5 M€ para beneficiar a 850 vivendas.

O Goberno galego mantén os mesmos requisitos en canto a beneficiarios, tipo de actuacións subvencionables ou á contía de axudas que con carácter xeral cubrirán o 60% do custo da actuación e seguirán a ser compatibles con outras destinadas a este mesmo fin.

A titular de Vivenda lembrou que a Xunta de Galicia está facendo un gran esforzo pola rehabilitación de vivendas na cidade de Ourense, con varias obras en marcha no casco vello. Ademais, o Executivo autonómico tamén vén de lanzar a oferta de compra de inmobles en mal estado no marco do programa Rexurbe.

Indicou que ao falar de rehabilitación non só se fai referencia a recuperar inmobles históricos, senón a modernizar edificios que, sen ser antigos, van necesitando mellorar algúns aspectos como, por exemplo, a accesibilidade, a través da instalación de ascensores.

14 de marzo de 2018 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.