publicidade hoxe

Un total de 16 empresas presentan as súas ofertas para a execución das obras da estación de autobuses intermodal de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurense
A-
A+

Un total de 16 empresas presentaron as súas ofertas para a execución das obras da estación de autobuses intermodal de Ourense, unha infraestrutura na que o Goberno galego prevé investir máis de 4 millóns de euros e que foi licitada o pasado 26 de febreiro.

O Goberno galego prevé iniciar o vindeiro verán a construción da nova terminal de autobuses integrada na estación de ferrocarril. Contará con 13 dársenas de operación e 3 dársenas de regulación, ademais de cun edificio de máis de 700 m² construídos, para albergar os diferentes servizos: venda de billetes, consigna, oficinas, aseos.

Avánzase así nos trámites para facer realidade unha infraestrutura clave para a cidade, a estación intermodal, actuación na que están a traballar conxuntamente a Xunta, o Concello e o Ministerio de Fomento, a través de Adif, para lograr un encaixe perfecto das pezas que a conforman: a nova terminal de autobuses, integrada na terminal ferroviaria; a adaptación da estación de tren; o aparcadoiro subterráneo; e os elementos de conexión entre os barrios.

A nova estación de autobuses forma parte da primeira fase dese gran proxecto, xunto co aparcadoiro subterráneo, sumando un investimento de máis de 11 millóns de euros.

Adif executará as obras correspondentes ao aparcadoiro, con dúas plantas con 300 prazas, que darán servizo ás terminais de autobuses e de ferrocarril e permitirá unha reodernación da actual praza da estación, cun investimento de arredor de 7 M€, achegando a Xunta 3,9 M€ e Adif o restante.

Mentres se leva a cabo a construción do aparcadoiro habilitarase, de forma provisional, unha zona de estacionamento en parte do espazo que ocupará a futura terminal de autobuses. Deste xeito, conseguirase avanzar e adiantar prazos, garantindo que as obras do parking e da propia estación autobuses se poidan compaxinar e executar ao mesmo tempo.

Nunha 2ª fase, que desenvolverá o Ministerio de Fomento, levarase a cabo a adaptación da terminal de ferrocarril e as actuacións para mellorar a integración urbana e a conexión transversal cos barrios da Ponte e do Vinteún.

28 de marzo de 2018 | 16:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.