publicidade hoxe

Turismo de Galicia centra estes días en Portugal a promoción internacional da oferta galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O labor de promoción internacional da oferta turística galega céntrase estes días do mes de marzo en Portugal, un mercado que medra consecutivamente desde hai tres anos e no que a pernoitas en establecementos hoteleiros galegos subiron un 12,8% en 2017 en relación ao mesmo período do ano anterior.

Deste xeito, Turismo de Galicia, en colaboración con Turespaña, participa nunha acción de comercialización incluída na marca España nas cidades de Oporto, Aveiro e Cascais. Esta promoción celébrase nun centro comercial de cada unha destas cidades ao longo de toda a xornada, na que o departamento de turismo da Xunta ten a oportunidade de contactar cos visitantes e promover a oferta e os produtos turísticos de Galicia.

A cidade de Oporto acolleu xa a pasada fin de semana esta acción, que contou con gran número de participantes que se achegaron ata o centro comercial Norte Shopping para coñecer a oferta galega ou demandar información sobre algún produto en particular. Aveiro, a próxima fin de semana, e Cascais, a seguinte, serán os lugares que completen o calendario previsto nesta promoción.

Mundo Abreu

Por outra parte, a oferta turística galega presentouse a pasada fin de semana en Lisboa, dentro da feira Mundo Abreu, un certame turístico organizado polo operador turístico Viaxes Abreu no que participan os axentes da compañía e varios destinos turísticos convidados, entre eles Galicia. Viaxes Abreu é o principal operador turístico de Portugal e cada ano organiza unha feira para presentar as novidades da propia compañía e algúns destinos turísticos teñen a posibilidade de presentar a súa oferta ao público do certame.

Nesta feira, moitos dos visitantes adoitan mercar as súas vacacións atraídos polas ofertas e descontos que se presentan no certame. Galicia estivo presente cun recinto aberto ao público a través do que se difundiu a oferta turística galega incidíndose nas posibilidades para esta primavera e o próximo verán.

Demanda turística

O pasado ano 2017 observouse un comportamento moi positivo do mercado portugués en Galicia. No ámbito dos hoteis, ademais de medrar as pernoitas, subiu a cifra de viaxeiros aloxados un 8,9%, con en preto de 208.000 viaxeiros e case 348.000 noites nos establecementos hoteleiros, as cifras máis altas desde o ano 2009. O mercado portugués representou en 2017 o 16,4% do total da demanda turística internacional de Galicia –no ámbito hoteleiro- e consolídase como o primeiro mercado estranxeiro da nosa comunidade.

12 de marzo de 2018 | 18:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.