publicidade hoxe

Técnicos de Galicia e Portugal expoñen os resultados de 8 anos de cooperación na inspección do traslado transfronteirizo de residuos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

Inspectores ambientais de Galicia e Portugal deron a coñecer hoxe en Madrid a súa experiencia de traballo conxunta no control e vixilancia do traslado transfronteirizo de residuos nos últimos 8 anos no marco do curso de inspección sobre movementos de residuos na Unión Europea organizado pola Rede de Inspección Ambiental de España (REDIA), actualmente presidida por Galicia.

O obxectivo desta actividade, de carácter formativo e na que participaron inspectores e técnicos ambientais de varias comunidades e do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (Mapama), e membros do Seprona da Garda Civil e das policías autonómicas, é achegar unha serie de coñecementos teóricos pero sobre todo prácticos para poder aplicar a normativa vixente en materia de inspección de residuos, particularmente os regulamentos comunitarios relativos aos traslados de residuos na UE.

Entre o profesorado, cómpre subliñar a presencia dun inspector da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio experto na materia, así como varios técnicos do IGAMAOT, un servizo centralizado de inspección do Goberno portugués, que deron conta da experiencia de traballo desenvolvida por Galicia e o país veciño no que respecta ao traslado de residuos entre ambas rexións.

Foro de cooperación para a protección ambiental

REDIA é un foro de cooperación e intercambio creado ao abeiro do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente no que están representadas todas as comunidades autónomas co obxectivo común da protección do entorno e a calidade ambiental.

Na actualidade Galicia ocupa a presidencia deste organismo que mediante o desenvolvemento de actividades formativas e seminarios coma o desta mañá, a posta en marcha de proxectos de adecuación á normativa vixente e mesmo a elaboración de guías e exercicios de comparación de prácticas, busca velar pola protección do medio ambiente e garante a mellora constante da inspección e dos sistemas de control.

6 de marzo de 2018 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.