publicidade hoxe

Rosa Quintana destaca a implicación dos sectores do mar nos grupos de acción local do sector pesqueiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe en Vigo a implicación dos sectores do mar nos grupos de acción local do sector pesqueiro. Fíxoo durante a apertura da VI edición do Seminario Transnacional da Rede Europea de áreas de Pesca, FARNET, onde estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez. Alí explicou que se chegaron a rexistrar máis de 360 entidades como socias dos GALP que aglutinan a preto de cen actores do sector pesqueiro e a máis de 13.000 traballadores do mar.

Unhas cifras, subliñou, tras as que “hai vida, traballo e un futuro dinámico vencellado ao noso mar, asentado nos sectores tradicionais e que tamén mira con optimismo aos sectores emerxentes, apostando firmemente pola diversidade económica”. De feito, lembrou, nestes últimos anos a Xunta aprobou máis de 225 proxectos dos GALP, axudou a crear máis de 93 negocios e contribuíu a xerar máis de 210 empregos a tempo completo.

Neste sentido, a titular de Mar incidiu en que nos últimos anos, a través do labor dos GALP se conseguiu reforzar o papel dos pescadores na gobernanza local, apoiar a creación de empresas e contribuír ao aumento de emprego.Tamén se conseguiu, engadiu, apoiar a creación e promover o espírito empresarial, contribuír ao aumento no valor engadido dos produtos pesqueiros e mobilizar ao colectivo feminino, reforzando a súa participación a través do asociacionismo.

Ademais a través destes grupos diversifícanse as actividades do sector cara ao turismo e o uso do patrimonio cultural, promóvese a relación entre o sector e a comunidade universitaria e de investigación e apóiase a innovación local en compañías de economía marítima.

Non obstante, Rosa Quintana, subliñou que quedan retos por diante como o relevo xeneracional, a conservación do ecosistema marítimo e o crecemento azul. De aí, destacou, que sexa responsabilidade de todos “poder garantir o futuro dos GALP no marco da futura política pesqueira proporcionándolles máis recursos que lles permitan seguir traballando, axudándolles na cogobernanza local e brindálles as ferramentas necesarias para mellorar a cooperación interterritorial e transnacional”.

Por último, a conselleira agradeceu á Dirección General de Asuntos Marítimos y Pesca (DG MARE) da Comisión Europea e ao Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente (MAPAMA) o feito de escoller a Vigo como o destino para acoller o seminario, que noutras edicións se celebrou en lugares como Edimburgo ou Helsinki.

O seminario

O VI Seminario Transnacional FARNET Os GALP e a xestión local de recursos celébrase hoxe e mañá en Vigo e organízao a DG MARE co apoio da Xunta de Galicia, o MAPAMA e o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Ría de Vigo – A Guarda.

Ten como obxectivo axudar aos GALP nos seus esforzos por contribuír ao desenvolvemento dun enfoque ascendente para a xestión dos recursos locais e apoiar a súa conservación. Tamén estimular o intercambio, a aprendizaxe entre iguais e a cooperación entre os GALP interesados en cuestións relacionadas coa xestión dos recursos locais.

14 de marzo de 2018 | 13:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.