publicidade hoxe

Preséntase ao sector da artesanía galega as novas axudas para impulsar a remuda xeracional coa formación de 80 aprendices

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+
Sol Vázquez na reunión con representantes da Artesanía de Galicia

Sol Vázquez na reunión con representantes da Artesanía de Galicia

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, mantivo esta mañá unha reunión en Santiago de Compostela con representantes da Artesanía de Galicia para presentar a nova orde de axudas de formación que pretende impulsar a remuda xeracional neste sector. Esta nova iniciativa, na que se investirá un millón de euros, ten como obxectivo formar a 80 aprendices no sector da artesanía galega e así posibilitar procesos de transmisión das técnicas artesanais.

A directora explicou ao sector, de primeira man, as características deste novo programa que aposta pola formación dual, é dicir, tanto teórica como práctica, e que se impartirá nos propios obradoiros artesanais baixo a supervisión dun titor que deberá ter a formación e experiencia necesarias. Ao remate do período formativo, a empresa terá que expedir un certificado ao bolseiro acreditativo das horas, período e contidos de dita formación.

Serán os artesáns e aprendices os que subscriban o acordo de formación para levar a cabo as prácticas non laborais. A Xunta financiará o 100% do programa, sen ningún custo para os artesáns. A solicitude de axuda á Consellería de Economía, Emprego e Industria presentarase unha vez que o artesán e o bolseiro asinen o acordo para a cualificación, que poderá ser como mínimo de 6 meses e dun máximo dun ano.

Os interesados en participar poden inscribirse xa que o prazo de solicitude estará aberto ata o próximo 15 de setembro, ou ben ata que se esgote o crédito, ao ser unha convocatoria de concorrencia non competitiva.

Cada artesán, que terá que estar inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, recibirá unha contía fixa de 200 euros ao mes para sufragar os gastos de Seguridade Social e de funxibles e materiais, ademais do importe que lle corresponderá ao alumno por participar na bolsa, que será de 800 euros ao mes no caso de que o proxecto teña unha duración dun ano e sexa a xornada completa. Se a empresa conta con 6 ou máis traballadores poderá solicitar ata 2 aprendices, polo que se duplicaría o importe da axuda.

Con este novo programa, enmarcado no Plan de impulso á artesanía 2020, o Goberno galego trata de potenciar as actividades artesanais, asegurar a súa pervivencia e facilitar o acceso ao mundo laboral das persoas que teñan formación en actuacións relacionadas cos oficios artesanais, tendo en conta que se trata dun sector en auxe -con preto de 3000 artesáns rexistrados e máis de 60 tendas e 550 obradoiros, dando emprego a máis de 5000 persoas- e que se está a consolidar como unha vía de dinamización económica e turística, especialmente no rural.

12 de marzo de 2018 | 17:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.