publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Preséntase a “Ourense Strade Termal”, a primeira proba cicloturista de España

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaLobiosLocal PortadaMuíñosOurense
A-
A+
Presentación da Ourense Strade Termal

Presentación da Ourense Strade Termal

A comarca da Baixa Limia será escenario do evento deportivo “Ourense Strade Termal”, a primeira proba cicloturista que se desenvolve en España e que terá lugar o día 15 de abril, cun percorrido entre os concellos de Lobios e Muíños. A presentación desta iniciativa deportiva tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o exciclista, Óscar Pereiro; os alcaldes de Lobios e Muíños, María del Carmen Yáñez e Plácido Álvarez; o director xerente de Caldaria, Javier Soto; o xerente de Mitsubishi-TAR, Juan López; o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez; e o director técnico do evento, Serafín Martínez.

Manuel Baltar destacou que esta cita deportiva, con vocación de consolidarse no tempo, “vincula á provincia de Ourense co turismo deportivo e coa promoción cultural, termal e natural do noso territorio”, remarcando que esta proba cicloturista desenvolverase “nunha zona da provincia, a Baixa Limia, con innumerables atractivos para ser visitada, un evento que será un motivo máis para vencellar a Ourense con ese ecosistema de turismo deportivo que presentamos, da man do Inorde, na pasada edición de Fitur en Madrid”.

O presidente do goberno provincial agradeceu o apoio de Óscar Pereiro, “pois a proba máis importante do ciclismo mundial –o Tour de Francia- cumpre este ano a edición 104, tivo 61 gañadores, 7 españois, e un galego, que está hoxe aquí con nós, Óscar Pereiro”. Asemade, Baltar destacou a capacidade da provincia de Ourense “para o desenvolvemento de probas de alto nivel, como o volverá a acontecer o vindeiro 5 de setembro, ao acoller unha etapa da proba La Vuelta, que rematará na Ribeira Sacra”.

Pola súa parte, Óscar Pereiro explicou que se trata dun formato de proba que “está a funcionar moito a nivel internacional e que move a milleiros de persoas que buscan retos diferentes por elo, desenvolver este tipo de formatos aquí é unha excelente noticia que vai atraer a moita xente”. Ademais, o exciclista destacou as potencialidades da provincia de Ourense para o mundo do deporte.

Os alcaldes de Lobios e Muíños coincidiron en que a Baixa Limia é unha zona que se presta especialmente para este tipo de probas, e que xunto ao termalismo supón unha alternativa importante para atraer máis turismo.

“Ourense Strade Termal” é unha proba cicloturista con formato único en España e en Portugal, que combina nun percorrido de 103 quilómetros catro tramos de “sterrato”. Ata o momento están inscritos “400 participantes, e os interesados en participar poden anotarse ata o día 11 de abril ou ata chegar a cubrir as 500 prazas”, explicou Serafín Martínez, quen engadiu que os participantes proceden de “nove comunidades autónomas de España, e tamén de Portugal, Gran Bretaña, Italia e Bélxica”.

En total a proba consta de 2.400 metros de desnivel positivo, pasando polos concellos de Lobios, Muíños e entrando en Portugal, nas poboacións de Tourem e Pitôes da Junias na Cámara Municipal de Montalegre.

En canto ao impacto económico, Javier Soto dixo que “o nivel de ocupación de todos os aloxamentos turísticos da Baixa Limia xa están neste momento a rozar o 100%”, afirmando que este tipo de accións “contribúen a posicionar a Ourense como un dos destinos deportivos máis atractivos”. Pola súa parte, o xerente de Mitsubishi-TAR agradeceu “poder estar nun evento de tanta calidade e dar o soporte técnico”.

27 de marzo de 2018 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.