publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Os resultados das analíticas descartan a presencia de lindano nas mostras recollidas no concello de Mos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMosPontevedraPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio presentou hoxe ante a comisión de seguimento da posible contaminación por lindano do Concello de Mos os avances feitos ata o de agora no estudo que se está a desenvolver neste municipio desde mediados de febreiro. Así, os resultados das primeiras analíticas descartan a presencia de lindano tanto nas mostras de auga como de terra recollidas nas zonas nas que se sospeita que podería haber restos desta substancia.

En calquera caso, para coñecer os resultados definitivos estímase que haberá que esperar aproximadamente un mes, polo que a comisión volverá reunirse o próximo 3 de abril. De feito, os traballos sobre o terreo continúan a día de hoxe e a empresa encargada de realizar as catas confirmou que seguirá uns días máis coas sondaxes e a recollida de mostras.

Neste sentido e a petición dun dos asistentes, tamén se acordou realizar prospeccións nun par de puntos concretos que non estaban na planificación inicial pero que pertencen ás parroquias de Sanguiñeda e Pereiras, as dúas zonas nas que se focalizan os traballos ante a sospeita de que podería haber restos de lindano.

A previsión é que na próxima xuntanza da comisión de seguimento se estea xa en disposición de presentar os resultados de todas as analíticas realizadas no Concello de Mos e as primeiras conclusións do estudo final co que se pretende determinar se existe ou non presencia de lindano.

A comisión de seguimento da posible contaminación por lindano de Mos quedou oficialmente constituída o pasado 7 de febreiro e hoxe celebrou a súa segunda reunión. Á xuntanza desta mañá asistiron representantes de varias asociacións de veciños, membros de todos os grupos políticos da corporación municipal, da empresa que está a realizar a toma de mostras e da propia Consellería de Medio Ambiente.

6 de marzo de 2018 | 19:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.