publicidade hoxe

“O tesouro acobillado e outros relatos” recompila a prosa de ficción de Ricardo Carballal Lafourcade

Valentín García na presentación do estudo

Valentín García na presentación do estudo

A obra O tesouro acobillado e outros relatos de Ricardo Carballal Lafourcade, presentada hoxe pola mañá polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, recolle toda a prosa de ficción do escritor lugués: a novela curta O tesouro acobillado (1919), o libro de contos De min pra vós (1928) e un feixe de relatos espallados por diferentes publicacións periódicas, tanto da Galicia da Terra como da Galicia Emigrante, que viron luz entre 1905 e 1918. A nova edición sae do prelo da man do investigador César Camoira Vega e do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH).

García Gómez salientou durante a presentación “a grande importancia que a Colección Narrativa Recuperada do CRPIH tivo ao longo destas dúas últimas décadas no rescate de moita da nosa literatura do século XIX e primeiros anos do XX que permanecía espallada na prensa periódica de época ou sen reeditar”, e que “grazas a este labor de recuperación, agora pode consultarse en edicións modernas que contan, amais, con rigorosos estudos introdutorios, como acontece coa prosa de ficción de Ricardo Carballal Lafourcade, felizmente compilada neste O tesouro acobillado e outros relatos”.

Participaron na presentación, canda o secretario xeral e o editor, a directora da Área de Literatura do CRPIH, Blanca Ana Roig Rechou; e o director do proxecto Recuperación de textos literarios e xornalísticos galegos, no que se enmarca a Colección Narrativa Recuperada, Armando Requeixo.

Recuperación de textos literarios e xornalísticos galegos

A Colección Narrativa Recuperada do CRPIH ten como obxectivo fundamental a edición e actualización de obras e cabeceiras de difícil consulta nos seus orixinais, a compilación de textos dispersos en prensa para a súa edición por xunto e a publicación de obras de época anterior ao 1975 que, por motivos diversos, ficaron inéditas. Canda os Cadernos Ramón Piñeiro e a Colección Láncara de Poesía, configura o proxecto Recuperación de textos literarios e xornalísticos galegos.

Con este volume, a devandita colección, chega ás quince entregas desde que comezara a súa andaina en 1997 como batería de publicacións do CRPIH, dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A edición desta recolleita correu a cargo do investigador César Camoira Vega, responsable tamén do amplo estudo introdutorio que acompaña a reprodución dos textos, quen traza neste seu ensaio un completo perfil biográfico do autor e analiza pormenorizadamente todas as súas narracións, tanto desde o punto de vista literario coma lingüístico, contextualizándoas no momento histórico no que foron publicadas.

6 de marzo de 2018 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.