publicidade hoxe

O secretario xeral de Emigración reforza a organización social dos galegos en Venezuela coa sinatura de catro protocolos que garanten a súa atención e asesoramento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, centrou os actos oficiais da súa primeira viaxe do ano a Venezuela no reforzo da organización social dos galegos no país suramericano a través da sinatura de catro protocolos. O último foi rubricado onte entre o presidente da Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas, Roberto González, e o responsable autonómico para garantir o reforzo da oficina de atención social e asesoramento situada nas instalacións caraqueñas para atender e asesorar a todos os galegos do entorno da capital.

Unha dotación de arredor de 50.000 euros permitirá a máis da metade dos 43.975 galegos que residen na república suramericana, segundo as últimas cifras publicadas polo INE, ter acceso a toda a información e ao asesoramento acerca das axudas e os diferentes programas que a Xunta ten en marcha tanto para os residentes en Venezuela como para os retornados. A entidade caraqueña aglutina nestes intres preto de 8.000 familias de galegos, o que se traduce en máis de 25.000 persoas vinculadas a concellos galegos.

Un servizo para todos os galegos

A Hermandad Gallega de Valencia, o Centro Gallego de Maracaibo e o Centro Gallego de Puerto de la Cruz foron as outras tres entidades que asinaron coa Secretaría Xeral da Emigración protocolos de atención e asesoramento aos galegos residentes en Venezuela. O departamento autonómico que dirixe Rodríguez Miranda destina 7.000 euros a asegurar este obxectivo en cada unha das agrupacións, que se comprometen, pola súa banda, ao mantemento dos puntos de información e orientación administrativa para todos os galegos que viven nas diferentes rexións do país suramericano, tanto aos que son socios das entidades como aos que non o son.

Deste xeito, o Goberno galego garante a atención, entre outros, aos 2.500 galegos de Venezuela que en 2017 recibiron algún tipo de prestación social da Secretaría Xeral da Emigración, o que explica que a cifra total destinada este ano aos galegos de Venezuela ascenda a 2,2millóns de euros, entre os residentes no país americano e os retornados a Galicia.

A última charla informativa

Miranda aproveitou a derradeira parte da súa viaxe a Venezuela para impartir unha última charla informativa no Teatro Rosalía de Castro da Hermandad Gallega de Venezuela, á que asistiron preto de 850 persoas, e para manter unha reunión coa directiva da entidade. Mañá dedicará as horas previas ao voo de regreso á sinatura do protocolo de colaboración coa fundación España Salud (FES), a unha xuntanza co Consejero de Empleo y Seguridad Social, José Santiago Camba Bouza, e á visita á Oficina de Información e Atención Social da Hermandad Gallega de Venezuela.

13 de marzo de 2018 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.