publicidade hoxe

O presidente galego asiste á inauguración do centro de innovación Norvento Enerxía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaLugoPortada esquerda
A-
A+
O presidente galego na inauguración do centro

O presidente galego na inauguración do centro

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que Galicia seguirá apostando pola economía verde para situarse na vangarda do crecemento económico, do benestar e do respecto polo ambiente, recordando que iso é o que a Xunta quere impulsar coas Directrices Enerxéticas de Galicia ou con proxectos como o ecobarrio de Ourense, presentado esta mañá na cidade das Burgas.

Nesta mesma liña, subliñou que a inauguración do centro de innovación Norvento Enerxía proba tamén que este obxectivo é posible; que Galicia ten recursos, sabe innovar no ámbito das renovables e que ten capacidade para cumprir as directrices europeas antes dos prazos marcados.

“Estamos nun edificio de enerxía cero, non só autónomo en canto a autoconsumo, senón que consigue, ademais, que ese consumo sexa o menor posible grazas ao seu deseño arquitectónico, cunha fachada en madeira, grandes ventás, sistemas de recollida de augas pluviais ou ventilación natural”, precisou, subliñando que Norvento deseñou un dos edificios máis avanzados en autoxeración de enerxía. Un edificio, en definitiva, que pon a proba a capacidade das renovables, con toda a tecnoloxía que iso implica.

Ao longo da visita, o responsable do Executivo autonómico, incidiu en que este prototipo proxecta unha mensaxe clara: que o crecemento económico non é incompatible coa xeración de enerxías limpas. “E que estamos ante unha industria que está irrompendo con forza e trae consigo cambios transcendentais, non só para a forma de vivir senón tamén para o sistema produtivo industrial”, abundou, resaltando que Galicia está presente xa no reto da economía verde.

Ao longo da súa intervención, Feijóo destacou ademais a aposta de Norvento pola enerxía eólica, coa previsión de instalar un total de 8 parques eólicos, 7 na provincia de Lugo e 1 na de Pontevedra, que equivalen a 128 MW e a un investimento de 155 millóns de euros.

Cómpre subliñar que deses 8 parques: 7 foron declarados como proxectos de especial interese, formando parte do total dos 21 declarados como de especial interese, e dos que o 75% van ser instalados na provincia de Lugo, e que traerán a creación de máis de 5.500 empregos.

19 de marzo de 2018 | 15:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.