publicidade hoxe

O novo complexo integral de recuperación e repoboación de Cerdedo-Cotobade estará en funcionamento a finais de verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCerdedoCotobadeLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Beatriz Mato na visita ao centro de recuperación

Beatriz Mato na visita ao centro de recuperación

O novo complexo integral de recuperación e repoboación de Cerdedo-Cotobade estará en funcionamento a finais deste verán. Así o adiantou a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, durante unha visita ás obras de execución do novo Centro de Recuperación de Fauna Silvestre no Concello de Cerdedo-Cotobade, ás que o Goberno galego destina máis de 470.000 euros e que previsiblemente rematarán en xuño.

Aclarou que o novo centro-xunto co Centro Ictioxénico de Carballedo- constituirá un complexo ambiental pensado para a recuperación de aves silvestres e para o tratamento doutras especies que se atopen feridos ou enfermos, como réptiles e mamíferos especialmente; e tamén para o repoboamento do salmón, troita e reo, como xa se fai dende o centro actual de Carballedo.

Coa confluencia nun mesmo espazo dos centros de recuperación e repoboación de especies garantirase a eficiencia dos recursos, ademais de que porá o foco no Concello de Cerdedo-Cotobade en canto á atención á fauna, argumentou Beatriz Mato.

O novo centro de recuperación de fauna silvestre constará de dúas instalacións próximas: a primeira edificación, de 286,89 m2 totais, estará destinada á recepción dos animais, tratamento e atención veterinaria; e a segunda, de 554,48 m2, para a recuperación inicial dos animais e outros servizos necesarios que garantan os coidados durante a súa estancia no centro.

A primeira das instalacións, de recepción e tratamento de animais, terá dúas plantas. Así, na planta baixa situarase unha consulta con zona de raios X, tres UCIs para mamíferos, aves e animais infecciosos, outra para mudas e, finalmente, unha sala de crías. Tamén, na planta baixa, atoparase a recepción e a oficina de administración, un aseo e a cociña. Pola contra, no primeiro andar, instalaranse dous vestiarios, un almacén e unha sala para o persoal do centro.

A segunda instalación, con máis de 550 m2, será o lugar onde os animais comecen a súa recuperación. Esta instalación distribuirase en dúas estancias para mamíferos, dez azoreiras, unha sala de cría de roedores, un almacén para alimentos, outro almacén xeral, unha zona de lavado de aves, catro cámaras de voo, catro estancias para aves nocturnas, unha zona de muda e unha sala para necropsias.

Piscifactoría de Carballedo

A conselleira de Medio Ambiente destacou que o novo centro virá a reforzar o traballo que se está facer desde a piscifactoría de Carballedo, que nos últimos anos está a facer grandes esforzos para a recuperación e a repoboación da troita autóctona galega, unha especie coa que é máis complexo traballar debido a súa delicadeza. Así, a piscifactoría de Carballedo estase a consolidar como banco de xenes de todas as liñas de troita galega, de forma que sempre se poida dispoñer dos exemplares necesarios e axeitados –isto é, a liña xenética propia de cada zona- para acometer unha repoboación.

Este centro é unha das tres piscifactorías autonómicas en funcionamento que dependen directamente da Xunta, xunto coa de Lugo –especializada tamén en salmón- e a de Carballiño, centrada na troita.

Mellora do saneamento en Tenorio

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio avanzou que a finais deste ano tamén se iniciarán as obras de mellora do saneamento na parroquia de Tenorio, cuxo importe de licitación é de 1,8 millóns de euros.

26 de marzo de 2018 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.