publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O novo centro interxeracional de Ourense pon de manifesto a aposta polo envellecemento activo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurensePortada esquerda
A-
A+
O presidente galego na visita ao centro interxeracional de ourense

O presidente galego na visita ao centro interxeracional de ourense

O presidente da Xunta destacou hoxe, durante unha visita ao novo centro interxeracional de Ourense, a aposta decidida da Xunta de Galicia polo envellecemento activo, “cando se aposta polos nenos e polos maiores tamén se está a apostar pola igualdade efectiva entre e homes e mulleres”, abundou.

Feijóo sinalou que con este novo centro, que nace da man da Fundación Amancio Ortega e albergará unha escola infantil e un centro de día para maiores, avanzamos cara a unha Galicia máis próspera. Durante un percorrido por estas novas instalacións, o presidente da Xunta afirmou que o centro ten a vocación de converterse nun foro de intercambio de experiencias entre maiores e pequenos.

Dentro desta aposta, o presidente do Goberno galego salientou as 80 novas prazas para maiores das que dispón este centro e recordou que a Xunta creará 900 novas prazas públicas para maiores en sete residencias situadas nas principais cidades de Galicia.

A isto engadiu que desde 2009 se multiplicaron por tres os recursos económicos destinados á atención dos maiores e discapacidade, que pasaron de 126 millóns de euros a 414 en 2018. Ademais, lembrou que en Galicia hai 55.600 persoas con dependencia que reciben algunha prestación, catro veces máis que no ano 2009.

O titular do Goberno galego destacou que as 82 prazas da escola infantil de 0 a 3 anos contribuirán a que Galicia supere o curso que vén o limiar das 24.000 prazas de escolas infantís sostidas con fondos públicos. Ademais, subliñou que isto supón acadar unha ratio de cobertura do 41,3%, máis de 10 puntos por riba do óptimo considerado pola Unión Europea. “É dicir, 832 prazas financiadas con fondos públicos estarán á disposición da cidade de Ourense no próximo curso”, aseverou, destacando que tras a entrada en funcionamento desta escola infantil, a ratio de cobertura de Ourense ascenderá ao 36%.

O presidente da Xunta lembrou que xa está aberto o prazo de matrícula en todas as escolas infantís da rede pública, polo que as familias galegas xa poden acceder ao incremento na oferta pública de prazas. Así mesmo, lembrou que hoxe en Galicia a lista de espera para unha praza pública de gardería é cero e recordou que todas aquelas familias que non obtiveron unha praza pública e solicitaron o Bono Concilia para acudir a outra escola infantil, obtivérono.

Outras medidas de conciliación

O titular do Goberno galego lembrou durante a súa intervención outras medidas de conciliación que están á disposición das familias galegas. En concreto, recordou que a rede pública de garderías é un dos piares do Programa de apoio á natalidade, cuxo obxectivo é poñer máis recursos que nunca ao servizo das familias que queiran ter fillos.

Este plan recolle outras medidas: como as casas niño nas contornas rurais, con 235 prazas en funcionamento; as deducións fiscais para familias con fillos; o Bono Coidado, cuxa convocatoria está aberta e que amplía ata os 12 anos a idade do neno para o que se pode pedir axuda para contratar un coidador para casos puntuais; e un permiso por maternidade para as empregadas públicas que aumenta de 20 a 22 semanas, que xa está en vigor e que sitúa Galicia como a comunidade de referencia en España nesta materia.

Ademais, este ano haberá dúas novas medidas de conciliación á disposición das familias: unha Tarxeta Benvida estendida ata os 3 anos para familias con rendas baixas e unha nova bonificación nas taxas das escolas infantís, do 25% para o segundo fillo e do 50% para o terceiro e sucesivos, que comezará a aplicarse o vindeiro curso.

12 de marzo de 2018 | 16:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.