publicidade hoxe

O ministerio de agricultura acurta os prazos dos inventarios forestais a petición de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Consellería do Medio Rural felicítase pola decisión do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (Mapama) de acurtar de dez a cinco anos o período de presentación dos inventarios forestais nacionais. Esta medida tomouse tras unha solicitude de Galicia, a petición do propio sector, e vai permitir unha maior e mellor actualización, máis áxil, da información contida nestes documentos, claves para a planificación e o desenvolvemento das políticas públicas e da iniciativa privada respecto dun aproveitamento sustentable do monte.

O director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, celebrou hoxe esta nova durante a súa participación, en Santander, na xornada “El Inventario de las masas productivas del Norte Peninsular. Una herramienta al servicio del sector forestal”, na que interveu cun relatorio sobre o sector produtivo na política forestal galega. Nesta xuntanza presentouse o inicio dos traballos do novo inventario forestal nacional, que está previsto completar nun prazo aproximado de seis meses.

Eido clave

O director xeral salientou na súa intervención o compromiso da Xunta cun eido produtivo clave para a nosa economía, xa que –só no que a aproveitamentos madeireiros se refire– anualmente realízanse na nosa comunidade arredor de 75.000, cun movemento duns 8 millóns de metros cúbicos de madeira. Estas cortas representan para os propietarios uns ingresos de arredor de 300 millóns de euros. Estes datos evidencian a relevancia dunha actividade que xera riqueza e emprego no ámbito local entre os propietarios do monte, que no 98% corresponde a titulares privados.

Galicia ten unha vocación claramente forestal, xa que este uso acada o 69% do territorio. A nosa comunidade conta con algo máis de dous millóns de hectáreas de superficie forestal e está considerada como a novena potencia europea neste ámbito, liderando o sector en España, como se pon de manifesto co dato de que o 50% da madeira que se corta no territorio nacional procede dos montes galegos.

Fernández-Couto puxo en valor estes datos, así como outras magnitudes relacionadas co peso económico do sector da madeira dentro da economía galega. Así, destacou que agrupa 3.000 empresas, cunha facturación de 1.744 millóns de euros e unhas exportacións por valor de case 750 millóns de euros anuais. Canto ao emprego, entre postos de traballo directos e indirectos, xera arredor de 70.000.

O director xeral falou tamén doutros aproveitamentos forestais de importancia na nosa comunidade, tales como os froitos dos castiñeiros ou o mel. Neste sentido, subliñou que o valor en primeira venda de castañas estímase en case 40 millóns de euros e existen máis de 10.000 produtores.

Referiuse, ademais, á xestión da propiedade e deu conta de iniciativas postas en marcha pola Xunta para agrupar superficie forestal, co exemplo senlleiro das sociedades de fomento forestal (Sofor). En relación co problema dos incendios, facilitou datos de número de lumes e superficie afectada nos últimos anos en Galicia, que indican unha tendencia á diminución destes rexistros. Resumiu, ademais, as actuacións post-incendio levadas a cabo por Medio Rural, unha actividade na que –remarcou– a nosa comunidade é pioneira, especialmente no que atinxe ás medidas de control da erosión do chan, co emprego de técnicas coma o acolchado de palla ou maia de coco, aplicado de xeito manual ou mesmo co emprego de helicóptero.

8 de marzo de 2018 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.