publicidade hoxe

O Igafa despide a cría de lobo mariño cinsento Luís Muxía e recibe a Guardesiña para a súa recuperación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaNigrán
A-
A+

O Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) despediu hoxe á cría de lobo mariño cinsento Luis Muxía, que inicia o seu regreso ao mar, e dá a benvida ao lobo mariño Guardesiña para a súa recuperación. Estas accións forman parte da colaboración que vén mantendo a Xunta desde o ano 2003 coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), para a recuperación dos mamíferos mariños que chegan ás costas galegas en mal estado ou feridos.

Luis Muxía foi trasladado desde o Igafa ao porto de Vigo por unha unidade móbil do Cemma e alí embarcou con rumbo a augas de Irlanda, onde será depositada. Esta cría de lobo mariño foi rescatada nas costas de Muxía o pasado 17 de febreiro e foi trasladada á UCI de lobos mariños do establecemento veterinario do Cemma, en Nigrán. Tras unha evolución favorable no Cemma o lobo mariño a continuou a súa recuperación no IGAFA, que rematou favorablemente e na que acadou 31 quilos de peso.

Pola súa banda, o lobo mariño Guardesiña chegou hoxe ao Igafa, onde permanecerá unhas catro semanas para a segunda fase da súa recuperación. Este lobo mariño, de 85 cm de lonxitude, apareceu na costa da Guarda o 14 de xaneiro e foi trasladado á UCI do Cemma, onde acadou os 21 quilos de peso. Tras unha evolución favorable, os veterinarios do Cemma autorizaron o comezo da segunda fase de recuperación no Igafa.

Do mesmo xeito que no caso de Luis Muxía, a manutención e a atención sanitaria do mamífero corresponderalle ao Cemma, contando coa participación voluntaria do alumnado e demais persoal do Igafa. Ademais, aproveitarase a estadía da cría de lobo mariño para formar aos estudantes en aspectos relacionados co coidado dos mamíferos mariños e a concienciación medioambiental.

Cabe lembrar que o Igafa xa ten participado na recuperación doutros catro exemplares de crías de lobos mariños nos anos 2013, 2014, 2016 e 2017. Estas colaboracións serven como actividade didáctica para a concienciación medioambiental e de adquisición de coñecementos para o mantemento e a recuperación de mamíferos mariños.

22 de marzo de 2018 | 17:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.