publicidade hoxe

O Gain apoia en Lugo os proxectos de investigación especializados en biomedicina veterinaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoLugo
A-
A+
Patricia Argerey na visita ao Cebiovet

Patricia Argerey na visita ao Cebiovet

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitaron hoxe en Lugo o Centro de Biomedicina e Veterinaria (Cebiovet) e o Hospital Veterinario Universitario Rof Codina. A primeira das instalacións é un espazo de investigación animal promovido pola Fundación Rof Codina e cofinanciado con Fondos FEDER, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o Concello e a Deputación de Lugo. O Hospital Veterinario é un centro de referencia a nivel europeo, dependente da Universidade de Santiago.

Deste xeito, os representantes da Administración autonómica coñeceron de primeira man o labor de investigación que se leva a cabo, así como a docencia especializada mediante o emprego da experimentación animal das especies canina, felina, ovina, caprina, porcina e bovina. Na visita puxéronse en valor os proxectos de investigación que se están a desenvolver no ámbito da sanidade animal, en colaboración con empresas, centros de investigación e universidades de toda España, unha iniciativa que conta cun investimento de máis de 185.000 euros.

O traballo que se realiza nestes centros está en sintonía coa Estratexia de apoio á biotecnoloxía de Galicia, un sector identificado como estratéxico pola Xunta que desenvolve un rol de panca de competitividade para moitos outros eidos que teñen un gran peso na economía galega, como son, por exemplo, a agricultura e a gandaría.

A planificación que executa a Administración autonómica desde 2016 foi consensuada co tecido empresarial, as universidades, os centros tecnolóxicos e demais axentes do sector en Galicia. A través desta folla de ruta, investíronse xa 25 millóns de euros en diversas actuacións que conseguiron mobilizar 52 millóns de euros entre as que destacan o apoio á contratación de persoal para desenvolver tarefas de I+D+i; o apoio á transferencia de coñecemento dos centros de investigación á industria; a posta en marcha da primeira incubadora de proxectos no ámbito do descubrimento temperán de novos fármacos en España; o apoio ao emprendemento innovador; así como diversas actuacións de dinamización do sector en colaboración co Cluster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (Bioga).

 Referente na investigación

O Cebiovet naceu en 2016 para completar as instalacións das que xa dispoñía a Universidade de Santiago de Compostela no ámbito da medicina veterinaria, a Facultade de Veterinaria e o Hospital Veterinario Universitario Rof Codina, abrindo así novas posibilidades de investigación ao posibilitar o traballo con modelos animais máis próximos á especie humana.

Deste xeito, non só cubre as necesidades docentes e de investigación da Facultade de Veterinaria, que ocupa unha posición relevante a nivel estatal e europeo, senón que aspira a converterse nun polo de referencia a nivel de todo o noroeste peninsular para a investigación en medianos e grandes animais.

Na actualidade, está a participar en proxectos de investigación, en colaboración con empresas, outras universidades e centros de investigación, en ámbitos como o desenvolvemento de inmunoterapia para loitar contra o Alzhéimer en cans; colocación de implantes e preservación da cresta alveolar en cans; tests de validación de dispositivos de monitorización de cans; e novas estratexias para a reconstrución de ósos do cranio tras traumatismos e enfermidades en nenos, experimentando en porcos.

7 de marzo de 2018 | 19:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.