publicidade hoxe

O ecobarrio de Ourense convértese nun exemplo de transformación urbana sustentable e modelo da cidade europea do futuro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaOurenseOurensePortada esquerda
A-
A+
O presidente da Xunta xunto ao comisario europeo de Acción polo Clima e Enerxía

O presidente da Xunta xunto ao comisario europeo de Acción polo Clima e Enerxía

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que o ecobarrio da Ponte, en Ourense, converterá Galicia e a cidade das Burgas nun exemplo de transformación urbana sustentable que reproduce a pequena escala, a nivel de barrio, o que van ser as cidades europeas do futuro.

Durante o acto de presentación do proxecto, no cal tamén participou o comisario de Acción polo Clima e Enerxía da Comisión Europea, Miguel Arias Cañete, Feijóo aseverou que con este proxecto Ourense se transforma nunha cidade pioneira na loita contra o cambio climático, na redución de consumo enerxético e no aproveitamento dos recursos naturais enerxéticos. Ademais de poñerse novamente de manifesto o potencial da Autonomía no ámbito das enerxías renovables.

Sobre este punto, precisou que coa posta en marcha do primeiro ecobarrio na Comunidade, Galicia pasará a ser un referente en xeotermia. Non en van, un dos principais obxectivos será establecer na zona a primeira rede de xeotermia de Europa, aproveitando esta fonte de enerxía para abastecer de calefacción e auga quente a medio centenar de edificios do contorno.

Cun investimento de 20 millóns de euros e a creación de 300 postos de traballo, o titular da Xunta lembrou ademais que esta iniciativa prevé mellorar a eficiencia enerxética un 20%, que o 20% da enerxía consumida proveña de fontes renovables e reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro un 30%.

Así mesmo, o proxecto recolle tamén a posta a punto de fachadas e envolventes térmicas en colexios, institutos e outros inmobles como a futura estación intermodal; a substitución da iluminación actual por tecnoloxía led, tanto nos edificios como nas rúas; o fomento da mobilidade sustentable; e a posta en marcha da Oficina do ecobarrio, para informar á comunidade de veciños e ás asociacións sobre as axudas e actuacións en materia de eficiencia enerxética.

“Estamos, polo tanto, a falar dun proxecto que ten como fin demostrar que existe outra forma de facer urbanismo e outra forma de facer cidade: máis respectuosa co ambiente e con maior calidade de vida para os veciños”, abundou.

O presidente da Xunta afirmou que as enerxías renovables e o aproveitamento dos recursos naturais seguirán a desempeñar un papel fundamental, como proba a posta en marcha das Directrices Enerxéticas de Galicia que, cunha mobilización de 3.000 millóns de euros ata 2020, fomentará a cultura da eficiencia enerxética nos fogares, empresas e administracións.

“Queremos que Galicia se sitúe en primeira liña na industria das enerxías renovables e que cale entre a cidadanía a importancia do aforro enerxético e de conseguir cidades con menos contaminación”, dixo, agradecendo ao comisario Miguel Arias Cañete o apoio prestado desde a Comisión Europea para que este ecobarrio poida ser unha realidade cara a 2020.

19 de marzo de 2018 | 17:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.