publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O conselleiro de Sanidade agradece o labor diario dos profesionais da Xerencia do Sergas en Lugo que veñen de xubilarse

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugo
A-
A+

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, asistiu hoxe ao acto de despedida dos preto dun cento de xubilados da Xerencia de Xestión Integrada do Servizo Galego de Saúde en Lugo. Neste acto, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego agradeceu o traballo dos profesionais que agora se xubilan así como do resto de empregados, polo labor diario desenvolvido coa fin de contribuír ao bo funcionamento do sistema sanitario.

Segundo remarcou o conselleiro, dedicar toda unha carreira profesional ao coidado do paciente “é un labor que desenvolvemos entre todos dende moi diferentes disciplinas e cun sentimento común de vocación”. Todas as categorías son importantes, por iso a dedicación de profesionais da medicina, da enfermería, a administración ou o mantemento, entre outras áreas de traballo, “merecen o recoñecemento de tantos anos de esforzo e entrega”.

Tal e como remarcou Almuiña, “os verdadeiros protagonistas do sistema sanitario son os profesionais, responsables do seu adecuado funcionamento e da súa mellora continua. Queda demostrada a vosa implicación, capacidade de traballo e compromiso coa sanidade pública ao longo da vosa vida laboral”.

Pola súa banda, o responsable da Xerencia Integrada de Lugo, Ramón Ares Rico, agradeceulles o traballo e dedicación aos 96 profesionais que se xubilaron no 2017 nos hospitais e centros de saúde da Xerencia lucense, ao tempo que manifestou que “os nosos traballadores son o activo fundamental do Servizo Galego de Saúde” e agradeceulles a todos eles “a súa sensibilidade cos pacientes, defendendo co seu traballo o bo funcionamento do sistema sanitario público”.

Ares Rico lembrou que este acto anual de homenaxe aos xubilados do Sergas na provincia “é un recoñecemento implícito á importancia do seu labor e un resumo dunha vida chea de aportacións á sanidade pública, contribuíndo a conseguir unha sanidade mellor, tanto en coñecemento como en valores e actitudes, unha sanidade que sirve para mellorar a saúde e a expectativa de vida dos lucenses”.

Os 96 traballadores que culminaron a súa vida activa en 2017 formaban parte de distintas categorías de empregados do Hospital Universitario Lucus Augusti e centros de saúde, como facultativos, persoal de enfermaría, técnicos de coidados auxiliares de enfermaría, auxiliares da función administrativa, administrativos, celadores, pinches, cociñeiros, persoal de servizos xerais, entre outros.

Ao acto asistiron tamén Alfredo Silva, director de Procesos Asistenciais da EOXI de Lugo, Cervo e Monforte de Lemos, así como Amalia Ribadas, supervisora en Análises Clínicos e enfermeira no centro de saúde de Illas Canarias de Lugo; e Dolores Orbán, enfermeira no centro de saúde de Ribadeo, en representación dos traballadores da EOXI de Lugo xubilados ao longo de 2017.

14 de marzo de 2018 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.