publicidade hoxe

Novas analíticas confirman deficiencias na cloración da rede municipal de distribución da auga en Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada dereitaVigo
A-
A+

As últimas analíticas realizadas polos técnicos do Servizo de Control de Riscos Ambientais da Consellería de Sanidade confirman que persisten os episodios de ausencia de cloro residual na auga en varios puntos da rede municipal de distribución, con novas zonas que ou ben marcan valores de 0 miligramos por litro ou superiores a 1 miligramo por litro, parámetro de referencia que a lei marca como o máximo permitido.

Así o confirmou esta mañá en rolda de prensa o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, quen compareceu acompañado pola xefa provincial de Sanidade, Ángeles Feijóo, e a xefa do servizo de Control de Riscos Ambientais, Natalia Botana. Neste senso chamou a atención sobre unha situación que se mantén no tempo e que require da concesionaria municipal encargada do abastecemento, dixo, “corrixir de forma inmediata”.

Desde o pasado mes de xaneiro, a Consellería de Sanidade, no marco do programa de vixilancia sanitaria, notificou ao Concello de Vigo e a empresa municipal encargada do servizo na cidade a detección de ata 41 analíticas con medicións fóra dos parámetros establecidos. Neste mesmo período, a concesionaria municipal encargada da distribución da auga confirmou 35 incumprimentos dos valores.

75 mostras e 10 zonas afectadas

Segundo dixo o representante do Goberno galego, atendendo unicamente aos últimos tres meses, un total de 75 mostras, recollidas polos farmacéuticos de Saúde Pública e técnicos da empresa encargada do servizo municipal, marcan valores de 0 miligramos por litro de cloro ou superiores a 1 migramos por litro e, en consecuencia, a auga non ofrece garantía sanitaria.

Cómpre sinalar que é fundamental manter nas redes de distribución pequenas cantidades de cloro libre residual, desde as potabilizadoras ata as acometidas dos consumidores, co obxectivo de garantir a correcta desinfección da auga. A normativa, aplicable a todas as redes de abastecemento, en materia de criterios sanitarios da calidade de auga de consumo humano, recolle un valor máximo de 1 miligramo por litro. Neste senso, a recomendación é que existan niveis de concentración mínimos de 0,2 miligramos por litro e máximos de 1 miligramos por litro.

As consecuencias no caso do cloro cero son que de producirse unha contaminación bacteriana da auga non habería desinfectante residual para eliminala, e no caso de superar os límites prefixados de cloro residual na rede o risco de formación de trihalometanos é alto.

Os primeiros episodios detectáronse o pasado mes de decembro e, desde entón e segundo as últimas mostraxes tomadas tanto polos técnicos de Sanidade como polos de la empresa do servizo municipal de auga, a situación mantéense. En canto as zonas afectadas, López-Chaves citou Teis, Coruxo, Oia, Illa de Toralla, O Calvario, Sárdoma, As Travesas, Valadares e O Casal, con incumprimentos reiterados que, no que lle compete a Sanidade, foron comunicados consecuentemente ao Concello de Vigo e a empresa concesionaria do servizo municipal.

Sanidade observa así resultados dos que haberá que estar especialmente pendentes, tal e como subliñou a xefa territorial de Sanidade. De modo que, indicou, a Consellería manterá activos os seus controis, malia que a competencia neste eido sexa dos concellos. Así, lembrou que son os concellos os que deben garantir que a auga subministrada aos consumidores a través de calquera rede de distribución sexa apta para o consumo e informar consecuentemente á autoridade sanitaria de calquera anomalía que detecte a concesionaria encargada do servizo municipal.

Expediente sancionador

Preguntado ao respecto da apertura dun expediente sancionador ao Concello de Vigo como responsable do servizo de abastecemento de auga de consumo humano, tras detectar reiteradas deficiencias nos controis realizados polo Laboratorio Municipal na billa do consumidor e incumprimentos na calidade da auga que non foron comunicados á autoridade sanitaria, López-Chaves confirmou que está en período de alegacións.

“O instrutor está nestes momentos analizando as alegacións presentadas polo Goberno local e haberá que esperar a súas conclusións”, apuntou. En canto as argumentacións esgrimidas polo Concello, López-Chaves salientou que nelas o propio Concello recoñece que non enviou nin fixo comunicación algunha sobre os incumprimentos detectados polos técnicos do Laboratorio Municipal. “As razóns que esgrimen emendan a plana ao propio alcalde vigués, que publicamente confirmou que enviara máis de 1.000 analíticas a Xunta”, insistiu.

En canto a que a auga é potable, como reitera o rexedor nas súas intervencións, o representante do Goberno galego recorreu á ironía: “Que a auga sexa potable non é ningún mérito, senón máis ben unha obriga, o que ten é que ser de calidade”.

22 de marzo de 2018 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.