publicidade hoxe

Nava Castro participa na apertura do Foro Internacional Universitario ‘Os valores dos dereitos humanos no Camiño de Santiago’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Nava Castro no Foro Internacional Universitario

Nava Castro no Foro Internacional Universitario

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na apertura do Foro Internacional Universitario O valor dos dereitos humanos no Camiño de Santiago, unha cita impulsada pola Organización Mundial do Turismo (OMT) con máis dun cento de estudantes de 19 universidades de 13 países. Neste marco, animou a seguir traballando pola preservación dos valores xacobeos e a súa difusión entre os máis novos, como propón o Plan director do Camiño.

Este foro, no que colabora a Rede Helsinki España e o Grupo Compostela Universidades, supón o remate dun proxecto de varios meses no que os alumnos traballaron polo potencial do turismo para promover o diálogo intercultural e o desenvolvemento sustentable. Ao longo da última semana, distribuídos en catro grupos, os participantes peregrinaron ata Santiago de Compostela a través do Camiño Francés, do Camiño do Norte, do Camiño Portugués e da Vía da Prata, itinerarios onde puxeron en práctica as ideas dos seus traballos teóricos.

“Estes estudantes amosaron novamente que máis Camiño de Santiago quere dicir máis respecto, máis entendemento e, polo tanto, menos fronteiras”, manifestou Nava Castro, quen se referiu ao feito xacobeo como “unha oportunidade para o diálogo e un espazo de encontro onde superar toda diferenza, onde aparcar o que nos separa e recoñecernos en valores comúns de igualdade, de tolerancia, de superación ou de solidariedade”.

Neste senso, lembrou que o Plan director do Camiño de Santiago, iniciado en 2015 coa vista no Xacobeo 2021, contén estratexias para preservar a súa historicidade, espiritualidade, o valor patrimonial, a hospitalidade ou o intercambio multicultural.

Nava Castro afirmou que o Camiño de Santiago “transformou e segue e transformar Galicia, que non se entendería sen a peregrinación”. Entre outros aspectos, sinalou a contribución ao desenvolvemento de comunidades locais, cun reequilibrio territorial sustentable que fomenta a cohesión social e a cooperación. Nesta liña, Turismo de Galicia, da man da Universidade de Santiago de Compostela, prepara un estudo sobre o impacto socioeconómico da ruta.

23 de marzo de 2018 | 13:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.