publicidade hoxe

Medio Rural reforza a súa colaboración co Grupo Parlamentario Popular de Bruxelas en defensa dos intereses de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+
Ángeles Vázquez no encontro con Francisco Millán

Ángeles Vázquez no encontro con Francisco Millán

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, pechou a súa estadía en Bruxelas cunha xuntanza de traballo co eurodiputado galego Francisco Millán Mon, na que tamén estivo presente a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo.

Con este encontro avanzouse nas liñas de actuación a prol dos intereses de Galicia e do seu agro que se defenden por parte da Xunta en coordinación cos parlamentarios populares acreditados na capital comunitaria. Así, trabállase de xeito coordinado e conxunto para poñer en valor diante das instancias europeas o papel do agricultores, gandeiros e silvicultores da nosa comunidade na produción de alimentos sans e seguros para a poboación en xeral, así como na protección do medio ambiente, entre outros beneficios que xera a súa actividade.

O encontro serviu tamén para facer balance da estancia da delegación galega en Bruxelas, que a conselleira cualificou como “moi positivo”. Neste sentido, lembrou as xestións realizadas diante da Comisión en defensa dunha futura PAC forte, ben dotada de orzamento e simplificada, así como para impulsar iniciativas como o decreto de artesanía alimentaria ou o recoñecemento europeo de selos de calidade que se atopan na última fase da súa tramitación.

Tal é o caso das indicacións xeográficas protexidas pendentes de aprobación definitiva no ámbito comunitario, como son as de Pan galego e Vaca e Boi de Galicia. Precisamente, o eurodeputado Millán Mon reiterou o seu compromiso de facer un seguimento de todas estas cuestións para impulsar a súa aprobación, en beneficio do rural galego.

A titular de Medio Rural e a directora xeral fixeron tamén unha valoración positiva da presenza galega no evento organizado pola Asociación de Rexións Europeas para os Produtos de Orixe (Arepo), no que as nosas producións de calidade tiveron un especial protagonismo.

22 de marzo de 2018 | 18:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.