publicidade hoxe

Medio Rural leva investido 1,8 millóns de euros no proceso de reestruturación parcelaria de Troáns I, en Cuntis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCuntisLocal PortadaPontevedra
A-
A+

O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, reuniuse esta mañá cos propietarios da reestruturación parcelaria da zona de Troáns I, no concello pontevedrés de Cuntis, para informarlles da situación actual deste proceso e mostrarlles as novas parcelas, que teñen o carácter de provisionais, á espera de posibles alegacións que se podan presentar por parte dos propietarios no prazo dun mes. Alí destacou que xa se levan investido máis de 1,8 millóns de euros na reorganización das 354 hectáreas a concentrar nesta zona.

O director xeral explicoulle aos veciños que tamén acudiron a esta xuntanza que a parcelaria se atopa actualmente na fase de bases definitivas a espera duns últimos cambios de titularidade para obter a firmeza das mesmas. Aclarou que xa está contratado o traballo de replanteo dos novos predios, é dicir, a colocación dos marcos, e o proxecto dos camiños secundarios, que se axustarán en base á elaboración das novas parcelas.

Pérez Dubois reiterou o compromiso do Goberno galego en ter rematadas administrativamente antes do 2020 os 128 procesos que están vivos arestora, entre eles este de Troáns I. Neste senso, destacou os 20 millóns de euros que o departamento que dirixe Ángeles Vázquez destina para este ano 2018, co fin de seguir traballando a prol do rural galego mediante a reorganización do territorio. Unha reestruturación, asegurou o director xeral, necesaria para mellorar a base territorial das explotacións agrogandeiras, as vías de comunicación e loitar contra o abandono dos terreos e os incendios forestais.

Parcelaria de Troáns I

Este zona de reorganización do territorio comprende un total de 354 hectáreas propiedade de 729 veciños. Actualmente hai 5.280 parcelas, das cales o 55,5% deste territorio son de superficie forestal e o resto agrícola. Co redimensionamento da zona, espérase obter uns 1.584 novos predios, que aumentarán significativamente de dimensión e permitirán ás explotacións abaratar custos e facerse máis rendibles.

21 de marzo de 2018 | 16:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.