publicidade hoxe

Medio Rural inviste 1,8 millóns de euros para impulsar a parcelaria de Romai en Portas que beneficia a máis de mil veciños

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPortas
A-
A+
Ángeles Vázquez en Portas

Ángeles Vázquez en Portas

A Consellería do Medio Rural, dentro do seu plan de impulso ás reestruturacións parcelarias, vai investir 1,8 millóns de euros na de Romai, no concello pontevedrés de Portas, que beneficia a 1.005 propietarios. A maioría do orzamento, máis de 1,2 millóns de euros, vai destinado á execución da rede principal de camiños que xa comezaron a executarse e que está previsto rematar en dous anos.

Precisamente a conselleira Ángeles Vázquez realizou hoxe unha visita para supervisar as obras e tildou esta como unha parcelaria “digna de ver” que fará esta zona “moito máis produtiva”. Trátase esta dunha reestruturación dun tamaño importante con 6.019 parcelas, que despois da reorganización quedarán nunhas 1.500. En superficie, falamos de 420 hectáreas que na súa maioría teñen un carácter forestal.

As reestruturacións forestais contribúen a unha correcta ordenación do monte ao tempo que se rendibiliza. De feito, a Xunta márcase como obxectivo chegar a máis de 109.000 hectáreas de monte ordenado antes de que a lexislatura remate e estes procesos teñen unha importancia capital para facelo rendible.

Respecto ás obras que se están levando a cabo cofinanciadas polo Feader, supoñerán actuar sobre case 20 quilómetros, entre os camiños de nova apertura e a mellora dos existentes. “Son a realidade duns feitos que veñen da programación feita pola Xunta de Galicia e na que nos propuxemos rematar administrativamente no 2020 as 128 parcelarias abertas”, sinalou a conselleira, que tamén mencionou outros novos instrumentos que creou a consellería para mobilizar terras de xeito máis áxil e económico como o modelo Marcos. Das 128 reestruturacións que se pretenden pechar no que queda de lexislatura, máis do 67% son de tipo forestal.

Ángeles Vázquez, que estivo acompañada durante a súa visita polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, e o alcalde do municipio, Víctor Estévez, aproveitou para destacar a boa disposición dos veciños nesta zona que facilita moito a tramitación destes procesos.

Briallos

A de Romai non é a única parcelaria que ten aberta o concello de Portas. A concentración de Briallos xa está na fase de bases definitivas, pendente da firmeza de acordo. Neste caso a superficie concentrada é de 360 hectáreas que afectará a 633 propietarios. Inicialmente eran 3.123 parcelas que quedarán en 980 predios.

5 de marzo de 2018 | 16:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.