publicidade hoxe

Medio Ambiente reúnese coa Fegamp para explicarlle as liñas da futura Lei de medidas ante situacións de seca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
María Jesús Lorenzana na reunión coa Fegamp

María Jesús Lorenzana na reunión coa Fegamp

A secretaria xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, María Jesús Lorenzana, e o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, reuníronse hoxe co presidente da Federación Galega de Municipios de Provincias (Fegamp), Alfredo García, para analizar as liñas mestras da lei na que traballa a Xunta co fin de poder aplicar en toda a comunidade autónoma unha serie de medidas e ferramentas comúns cando se declaren episodios de seca.

A normativa, sobre cuxo borrador foi informado o Consello da Xunta a comezos de marzo, está sendo elaborada conxuntamente polas Consellerías de Medio Ambiente e de Sanidade e delimitará as competencias que lle corresponden a cada administración neste tipo de situacións. Por este motivo, na reunión tamén participaron o director xeral de Saúde Pública, Andrés Paz-Ares, e a directora de Administración Local, Marta Fernández-Tapias.

Durante a xuntanza, trasladóuselle ao presidente da Fegamp que a futura Lei de medidas en relación coa utilización dos recursos hídricos ante eventos de seca hidrolóxica e outras situacións excepcionais pretende dotar ás administracións competentes dos instrumentos normativos axeitados para poder xestionar e protexer os recursos hídricos atendendo ao interese xeral en períodos de seca.

No caso da Xunta a tramitación das medidas previstas na lei terá carácter de urxencia e o seu posible incumprimento sancionarase no seu grao máximo. Así mesmo, o borrador recolle como novidade a posibilidade de que os concellos poidan adaptar as súas ordenanzas fiscais co fin de incentivar un uso sustentable dos recursos hídricos. Isto permitirá superar a situación actual, na que as ferramentas que o Goberno galego activa co fin de garantir a cantidade e calidade destes recursos cando se declara unha seca hidrolóxica só se aplican dentro da Demarcación Galicia-Costa.

Por outra banda, o director de Augas de Galicia e o presidente da Fegamp aproveitaron tamén a reunión para avanzar nalgún dos detalles pendentes do convenio de colaboración que subscribirán ambas entidades co obxectivo de desenvolver o Pacto Local da Auga.

14 de marzo de 2018 | 16:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.