publicidade hoxe

Medio Ambiente inicia os traballos de eliminación de catro puntos de vertedura incontrolado en Lousame

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLousamePortada dereita
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio iniciou hoxe os traballos para eliminar catro puntos de vertido incontrolado (PVI) no Concello de Lousame (A Coruña) cun custo estimado de 25.428,33 euros. Esta nova actuación medioambiental forma parte dunha campaña do Goberno galego para identificar e erradicar este tipo de focos, nos que se van depositando e acumulando residuos sólidos de distinta natureza, co prexuízo que isto ocasiona para o contorno tanto desde un punto de vista ambiental como estético.

No caso de Lousame os puntos sobre os que se vai actuar están localizados concretamente nos lugares de Silvaredonda, Tállara, Cabanetan e Meixonfrío. Os traballos de acondicionamento previstos consistirán na recollida, clasificación e retirada do material e na revexetación mediante o estendido de terra vexetal e hidrosementeira nestas zonas.

O material que se adoita a localizar nestes lugares consiste en obxectos domésticos ou restos de pequenas obras de edificación e de urbanización, como vidro, plásticos, pneumáticos e mestura de residuos de construción. Coa limpeza dos puntos de vertido incontrolado perséguese minimizar e corrixir os impactos orixinados nestas zonas, logrando a integración do lugar co seu contorno e eliminando o hábito que na poboación existe de seguir depositando lixo nestes lugares.

Correcta xestión dos residuos

Este tipo de actuacións por parte da Xunta forman parte dunha estratexia global continuada para lograr unha correcta xestión dos residuos, na que tamén se inclúen outro tipo de instalacións, como son os puntos limpos.

O obxectivo común destes programas é axudar e facilitar aos concellos o cumprimento das súas competencias en materia de residuos urbanos e permitir aos cidadáns realizar unha correcta xestión dos mesmos, segundo o establecido na xerarquía europea de residuos (prevención, reciclaxe ou valorización material, valorización enerxética e eliminación).

Así, entre os anos 2009 e 2017 a Xunta de Galicia eliminou un total de 779 PVI cun investimento de máis de 5 millóns de euros e a previsión para este ano é erradicar aproximadamente 145 focos máis.

27 de marzo de 2018 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.