publicidade hoxe

Medio Ambiente ensina aos escolares as principais claves da xestión dos recursos hídricos para conmemorar o Día Mundial da Auga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPorto do Son
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio quere trasladar aos escolares galegos as principais claves da xestión dos recursos hídricos. Este é un dos obxectivos fixados por Augas de Galicia para conmemorar o Día Mundial da Auga -que se celebra hoxe, 22 de marzo-, polo que ao longo desta semana se organizaron diferentes talleres de sensibilización ambiental en diferentes centros educativos da Comunidade.

O director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez Martínez, participou esta mañá no taller organizado no centro Santa Irene de Porto do Son, onde recoñeceu que é necesario trasladar aos máis novos aspectos relativos á contaminación e depuración de augas residuais urbanas para acadar o reto de conservar os recursos hídricos.

Nos talleres, explícase aos alumnos dun xeito ilustrativo como é o ciclo urbano da auga, desde a súa captación nun río ou embalse, a potabilización, o uso que se fai nos fogares e por último, a súa depuración antes de devolvelo ao medio. No taller traballan con dous bidóns para recrear o ciclo urbano da auga e para facerlles ver que os xestos máis sinxelos da vida cotiá pode contaminar os recursos hídricos, como botar bastoncillos, cueiros ou toalliñas polo inodoro, aceites polo vertedeiro….

Rodríguez Martínez tamén advertiu aos rapaces da fraxilidade dos sistemas hídricos, que no caso de Galicia- Costa están en situación de prealerta por seca, tras rexistrar cinco estacións secas continuadas; polo que é necesario reflexionar sobre a importancia de dispor de auga día a día.

Indicou que é unha responsabilidade de todos facilitar que as xeracións futuras poidan medrar co privilexio de gozar dos abundantes recursos hídricos da Terra. Nese sentido, apuntou que o lema para conmemorar o Día Mundial da Auga deste ano, A resposta está na natureza é moi acertada, dado que coidando os ecosistemas naturais e empregando a auga con responsabilidade, isto garantirá que poidamos gozar de auga agora e no futuro.

22 de marzo de 2018 | 17:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.