publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Marnotes destaca en Mos o apoio ao sector naval a través de programas de formación á carta para ocupados e desempregados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMos
A-
A+
Alfonso Marnotes na visita a empresarios do sector naval en Mos

Alfonso Marnotes na visita a empresarios do sector naval en Mos

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, mantivo hoxe en Mos unha xuntanza con empresarios do naval pertencentes a 24 compañías para expoñerlles as políticas da Xunta de apoio a este sector que está na actualidade consolidando en Galicia a súa etapa de crecemento. Tras a reunión, Marnotes visitou aos alumnos e alumnas que se están formando en soldadura no obradoiro Mos rehabilita, que apoia a Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Tamén na localidade de Mos, a Administración autonómica financia un curso dirixido a desempregados na especialidade de soldadura oxigás e soldadura Mig/Mag. Esta acción formativa inclúe, tras a cualificación teórica, un módulo práctico en centros de traballo. A iniciativa forma parte do primeiro plan sectorial de cualificación para o naval 2017-2018 que a Administración autonómica puxo en marcha o pasado ano e que tamén está dirixido a persoas ocupadas. Está dotado con 12 millóns, co que se prevé chegar a 3000 traballadores do naval e a industria auxiliar. En 2017 comezaron 57 cursos nos que participaron 883 alumnos e alumnas cun investimento de 4,3 millóns de euros.

O director xeral, ademais, puxo en valor o apoio do Goberno galego á cualificación dos ocupados a través dun programa específico para sectores estratéxicos entre os que se atopa o naval, un ámbito para o que destina un millón de euros para a cualificación de preto dun milleiro de traballadores, a través de 63 cursos dos que 50 terán lugar na cidade de Vigo para 800 profesionais. A través desta iniciativa impartiranse accións nas especialidades de soldadura, robótica, calderería ou deseño do naval, entre outros. Este programa lévase a cabo en centros homologados.

A esta iniciativa únense este ano tamén as unidades formativas na empresa, tanto para desempregados como ocupados. As primeiras convocatorias destes programas xa saíron publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG). En global, para estes dous programas destínanse 6,35 millóns en 2018, a través dos que se cualifica a desempregados con formación á carta na propia empresa, que ten que comprometerse a un mínimo de contratación; e a traballadores de empresas de sectores estratéxicos entre os que se atopa o naval.

Os prazos de solicitude

Para as unidades dirixidas para desempregados, o prazo de solicitude está aberto ata o 5 de abril e para a iniciativa de ocupados para formar a 1500 traballadores en 500 empresas de sectores estratéxicos rematará o 2 de abril.

Para os desempregados ofrécese formación á carta na propia empresa, que ten que comprometerse a un mínimo de contratación, o 40% do alumnado. A Consellería de Economía, Emprego e Industria financia o 100% da formación, e para aquelas compañías que superen o compromiso mínimo de contratación ofréceselles axudas para promover os contratos indefinidos, que oscilan entre os 7000 e 16.000 euros. O apoio mínimo de 7000 euros aumentará ata os 8000 para os parados de longa duración, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. Ademais, as mulleres, maiores de 45 anos e emigrantes retornados, así como as empresas emprazadas no rural, recibirán un 25% máis de axuda sobre os 7000 ou 8000 euros, segundo sexa o caso, podendo chegar os apoios, desta maneira, aos 16.000 euros.

As unidades para ocupados están dirixidas a traballadores de firmas de sectores estratéxicos como o naval, a silvicultura, transformación de madeira, fabricación de compoñentes electrónicos e ordenadores, automoción, aeronáutica, fabricación de mobles, edición de programas informáticos e telecomunicacións e actividades relacionadas coa informática.

A estes programas súmase a oferta formativa que a Xunta apoia para persoas desempregadas en centros de formación como é o caso do curso que se está levando a cabo en Mos. “O que queremos é poñer a disposición do sector persoas cualificadas para ter empresas máis competitivas”, apuntou o director xeral.

Marnotes sinalou a importancia de adaptar os perfís profesionais dos traballadores galegos ao novo modelo industrial. Neste senso, afirmou que un dos retos da Axenda 20 para o Emprego é que o sistema formativo se oriente á realidade da industria, é dicir, á revolución tecnolóxica na que está inmerso o tecido produtivo.

7 de marzo de 2018 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.