publicidade hoxe

Marisol Díaz clausura un curso de formación para desempregados en atención sociosanitaria promovido pola Mancomunidade do Carballiño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO CarballiñoOurense
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou hoxe na clausura dun curso de formación para desempregados (AFD) promovido pola Mancomunidade de municipios da comarca do Carballiño e no que a Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu máis de 33.000 euros. Esta acción formativa, de 468 horas de duración, capacitou aos 12 participantes que remataron o curso para atender a persoas dependentes no ámbito sociosanitario. A Xunta de Galicia outorga ao alumnado o certificado de profesionalidade na especialidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, válido en toda España.

Ao longo dos 4 meses que durou, os participantes adquiriron a formación necesaria para atender en institucións sociais a persoas con especiais necesidades e manter e mellorar a súa autonomía persoal e as súas relacións co entorno, incluíndo na súa formación técnicas de atención hixiénico alimentaria e psicosocial. O módulo de prácticas, que contou cunha duración de 80 horas, desenvolveuse en centros da comarca que teñen demanda neste ámbito profesional como son o Fogar residencial de San Amaro, e as residencias San Antonio de Beariz, Nosa Señora da Sela do Irixo, e As Caldas e a Fundación Asilo Hermanos Prieto do Carballiño.

O acto contou coa presenza do presidente da Mancomunidade do Carballiño, Manuel Cerdeira, e dos alcaldes dos municipios que a integran.

Díaz Mouteira incidiu na importancia da formación de cara á mellora da empregabilidade. Neste senso, subliñou a aposta da Xunta pola organización de cursos de formación co obxectivo de incrementar a empregabilidade das persoas sen un traballo facilitándolles, polo tanto, o seu acceso ao mercado laboral. “Unha das principais vantaxes da programación de cursos AFD é que as entidades promotoras axudan a confeccionala de acordo coas demandas de emprego que detectan no seu entorno”, indicou.

A delegada territorial da Xunta lembrou que na provincia de Ourense, o departamento que dirixe Francisco Conde impulsa este ano con máis de 9,3 millóns de euros a formación para desempregados que se imparte en empresas, concellos ou entidades sen ánimo de lucro, unha contía que permitirá a posta en marcha de 244 cursos que sumarán case 110.000 horas de formación para beneficiar a 3.660 alumnos e alumnas.

6 de marzo de 2018 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.