publicidade hoxe

José Manuel Cores Tourís visita o CPI Santa Lucía de Moraña que será rehabilitado enerxeticamente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMoraña
A-
A+
Visita de Cores Tourís ao CPI Santa Lucía de Moraña

Visita de Cores Tourís ao CPI Santa Lucía de Moraña

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá CPI Santa Lucía de Moraña onde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de licitar a rehabilitación enerxética integral do colexio por un importe de 547.533 euros.

O delegado territorial estivo acompañado nesta visita pola alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, así como polo xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, e responsables da Inspección Educativa e da Unidade Técnica deste departamento.

Tal e como explicou Cores Tourís, os traballos supoñen unha reforma integral, enerxética e funcional do centro, que precisa dunha actuación para dotar de maior conforto aos usuarios e acadar un aforro nos custes de mantemento derivado dun menor consumo de luz e calefacción.

A actuación -que está cofinanciada con fondos FEDER- abrangue o illamento térmico da fachada exterior, a instalación de calefacción por biomasa, e a substitución das actuais luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética. Todas estas medidas combinadas suporán un aforro enerxético estimado anual do 84,3%.

A maiores, tamén se procederá á substitución das carpintarías en mal estado, verteaugas, vidros e proteccións solares, é á reparación e pintado de paramentos interiores.

O delegado destacou que dende Educación xa se levaron a cabo varias obras de mellora anteriores neste colexio, como a construción dunha rampla para discapacitados, a instalación dun peche e a colocación de falsos teitos. En total, neste centro investíronse, nos últimos anos máis de 303.000 euros.

A rehabilitación integral do CPI Santa Lucía de Moaña que agora se licita, enmárcase dentro do plan de mellora da eficiencia enerxética que se puxo en marcha en 2016 en toda Galicia, e que no presente ano 2018 suporá un investimento de preto de 4,8 millóns de euros en obras de mellora enerxética en 9 centros educativos, incluído o que hoxe se licita.

Como novidade para as obras que se desenvolven a partires de agora, ao abeiro do Plan de Rehabilitación Integral dos centros para 2018, a Consellería, en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), convida a arquitectos novos a participar nestes proxectos.

No marco do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas 2016-2020, que conta cun orzamento global de 118,5 millóns de € ata 2020, a Consellería vai desenvolver en 2018 obras de Rehabilitación Integral (enerxética e funcional) en 3 centros de ensino da provincia: o do CPI Santa Lucía en Moraña e o do CPI Alfonso VII de Caldas de Reis, así como no CEIP Pena de Francia (Mos).

Con estas actuacións a Consellería dá cumprimento á Estratexia Europa 2020 e á Estratexia de aforro e eficiencia enerxética no sector público galego para o período 2015-2020, na que a Xunta de Galicia é pioneira entre o conxunto de administracións públicas. Non en balde, no 2016 e 2017 executáronse actuacións de eficiencia en 20 centros, que consistiron basicamente en accións de mellora do illamento térmico, substitución de ventás e colocación de luminarias de alta eficiencia enerxética, por un importe de preto de 9 millóns de euros.

Co investimento en actuacións de eficiencia enerxética e mellora funcional nos centros búscase un aforro enerxético -e un menor custo derivado do consumo de luz e calefacción-, á par que se xeran novas oportunidades de emprego, a través da participación no deseño dos proxectos de arquitectos novos. Ademais, contribúese a un modelo de desenvolvemento sostible e á concienciación e sensibilización dos máis pequenos na importancia do coidado do medio ambiente.

14 de marzo de 2018 | 16:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.