publicidade hoxe

Galicia foi a quinta comunidade que pagou con máis axilidade aos seus provedores, case 16 días antes que a media

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

Galicia foi a quinta comunidade autónoma que en 2017 pagou con máis axilidade aos seus provedores, cun período medio de pago case 16 días inferior á media autónomica, segundo os datos publicados hoxe polo Ministerio de Facenda e Función Pública. No conxunto do 2017 o período medio de pago de Galicia situouse en 7,1 días, un promedio mellor que a media das comunidades autónomas, que foi de 22,9 días. Deste xeito, Galicia cumpriu os doce meses do ano a normativa estatal en vigor, que establece que o período medio de pago non pode superar os 30 días.

Ademais, no mes de decembro Galicia tamén seguiu pagando con máis axilidade que a media, xa que pechou o mes cun tempo medio de pago 6,7 días mellor que a media autonómica. Este indicador en Galicia situouse en decembro en 4,8 días, mentres que a media autonómica foi de 11,5 días, é dicir, case sete días máis tarde que en Galicia.

Estes datos confirman que Galicia consolidouse en 2017 como unha das comunidades que mellor atende aos seus provedores, axilizando os pagos e evitando problemas de liquidez ás empresas que prestan servizo á Administración galega. De feito, excluíndo ás comunidades de réxime foral Galicia foi a terceira comunidade que pagou máis rápido aos seus provedores.

Menor débeda comercial de España

En canto á débeda comercial, a ratio de débeda/PIB de Galicia en decembro situouse no 0,18%, a máis baixa de toda España e máis de tres décimas por debaixo da media autonómica (0,50%). Ao mesmo tempo, Galicia conseguiu reducir este indicador un 72% no último ano, ata rebaixalo aos 135 millóns de euros.

12 de marzo de 2018 | 17:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.