publicidade hoxe

Galicia defende a participación das rexións e municipios na axenda europea de migración

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+

Os membros do Comité Europeo das Rexións (CdR) reuníronse durante dúas xornadas consecutivas para analizar os retos máis inmediatos do proxecto europeo, sendo a Axenda Europea de Migración e, en concreto a integración dos migrantes, o centro de debate. En presenza do comisario de Migración, Dimitris Avramopoulos, o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, resaltou o papel fundamental das rexións e municipios na acollida de migrantes e refuxiados, polo que se uniu á demanda dunha maior participación destes entes en todas as fases de configuración e aplicación da devandita axenda.

No ditame aprobado, o CdR sinala que os esforzos da UE consagrados a axudar ás cidades e rexións a recibir, acoller e xestionar os fluxos migratorios seguen a ser insuficientes, chamando especialmente a atención sobre a intensa presión exercida nas illas. En concreto, pide que se estude a posibilidade de traspasar as competencias para a tramitación das solicitudes de concesión de asilo do nivel nacional ao nivel comunitario. Este ditame sucede aos xa aprobados sobre a reforma do Sistema Europeo Común de Asilo, a migración legal e á integración dos migrantes.

A Axenda Europea de Migración, adoptada pola Comisión Europea en 2015, reúne un conxunto de medidas a curto prazo e de reformas estruturais máis a longo prazo para desenvolver unha política común clara e coherente que permita aproveitar as vantaxes e afrontar os retos que supón a migración. A redución dos estímulos para a migración irregular, o rescate de vidas humanas e a reforma dun sistema europeo común de asilo son algúns dos eixos das axenda.

Futuro do Fondo Social Europeo

O CDR tamén centrou o seu debate en como mellorar o impacto do Fondo Social Europeo, principal instrumento da UE para apoiar as políticas de emprego, educación e inclusión social. Entre 2007 e 2013, 9,4 millóns de europeos conseguiron un emprego e 8,7 millóns obtiveron unha cualificación grazas ao apoio do Fondo Social Europeo e á colaboración entre a UE e os gobernos nacionais e rexionais. O Comité Europeo das Rexións europeas mobilízase agora para asegurar que estes logros se teñan en conta e non se reduzan os recursos do Fondo nos orzamentos comunitarios, actualmente en fase de negociación.

Os líderes rexionais resaltaron o alcance transcendental da revolución dixital en curso e dos efectos da reestruturación do mercado laboral xerados pola mesma. Como solución aos retos que supoñen a dixitalización e a globalización, reclamaron o mantemento do Fondo Social Europeo como parte forte da política rexional.

Na mesma liña debateron co relator do Parlamento Europeo, Jan Olbrycht, a súa postura sobre o orzamento comunitario despois de 2020. O CdR está a traballar para dar forma á futura política de cohesión da UE, destacando ao mesmo tempo os “custos da falta de cohesión” que se estudan noutro ditame aprobado hoxe.

Ampliación aos Balcáns Occidentais

Tamén en presenza do comisario de Política Europea de Veciñanza, Johannes Hahn, o pleno do Comité das Rexións debateu sobre os avances realizados polos países dos Balcáns Occidentais de cara á súa posible adhesión á UE. Así, as rexións destacaron a importancia da preparación das administracións locais como elemento imprescindible para o éxito desta integración.

En total, foron dez os ditames adoptados polos líderes das rexións europeas, entre os que tamén destaca o referido a como impulsar a conectividade da banda ancha en Europa.

23 de marzo de 2018 | 13:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.