publicidade hoxe

Galicia contará cunha relación xeolocalizada dos bens declarados de interese cultural para axilizar os permisos de corta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Ángeles Vázquez na reunión con Román Rodríguez

Ángeles Vázquez na reunión con Román Rodríguez

Os conselleiros de Medio Rural, Ángeles Vázquez, de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, mantiveron hoxe unha reunión para avaliar o novo convenio de colaboración que permitirá a Galicia ter unha relación dixitalizada e xeolocalizada de todos os seus bens de interese cultural antes de que remate o ano. Este catálogo permitirá axilizar os permisos de cortas tal e como se comprometeu a Xunta de Galicia co sector forestal para a simplificación de trámites e a redución de prazos dos aproveitamentos madeireiros, co fin último de favorecer esta actividade económica.

En concreto, o que se pretende é ter unha información máis rápida e áxil dos bens protexidos como covas, abrigos e lugares ao aire libre que conteñan manifestacións de arte rupestre, así como restos paleolíticos, neolíticos e megalíticos, como mámoas, menhires e dolmens. Deste xeito, simplificaranse as autorizacións de talas e os condicionantes que, no seu caso, se deban emitir para a protección do patrimonio galego.

De feito, a Xunta traballa para que os propietarios dos montes poidan executar as cortas de forma máis áxil e sen ter que realizar xestións ante distintas administracións. Para iso, está creando unha xanela única e telemática, adscrita a Medio Rural, diante da que se presentarán todas as solicitudes de cortas, á marxe das afeccións de dominio público que poidan implicar (augas, estradas, costas ou polo patrimonio cultural ou natural). Este novo modelo de tramitación contribuirá ao desenvolvemento dos obxectivos marcados na Lei de implantación empresarial, entre os que se atopa o de ofrecer unha maior simplificación administrativa para reducir os prazos á metade e, ao mesmo tempo, manter todos os requisitos técnicos, urbanísticos e medioambientais que marca a lexislación para a aprobación de proxectos.

Como parte deste proceso, inclúese esta xeorreferenciación dos bens culturais que se levará a cabo grazas un investimento de 1,1 millóns (366.667 euros achegados por cada consellería). As empresas poderán presentar as súas propostas a esta licitación ata o 9 de abril. Unha vez adxudicados os 25 lotes que se estableceron por áreas xeográficas, as empresas terán un prazo de cinco meses para executar este traballo.

As tres consellerías comprometéronse con este proxecto pola súa vinculación dun ou doutro xeito co territorio. A Consellería do Medio Rural, pola súa competencia sobre os montes e como responsable última dos permisos de cortas. A Consellería de Economía, Emprego e Industria, como impulsor da actividade económica asociada á industria forestal, e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, como encargada da promoción e difusión da cultura, do patrimonio cultural e dos aspectos vinculados á protección e salvagarda do patrimonio cultural de Galicia.

Peso da industria

Arredor do 30% da poboación galega está vinculada, dalgún xeito, ao monte galego a través da industria da madeira, viveiros forestais, administración forestal, centros tecnolóxicos e de investigación, ensino e formación, comercialización dous produtos do monte, etc.

No caso concreto da industria da madeira e o moble, representa o 3,5% do PIB galego. Nunha vintena de comarcas, este sector representa o 25% do emprego industrial e os postos de traballo xerados estímanse nuns 70.000. Así pois, aproximadamente o 6,6% da poboación activa de Galicia traballa neste eido.

8 de marzo de 2018 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.