publicidade hoxe

Francisco Conde: “Galicia está marcando a diferenza a través da innovación, o talento e a internacionalización das súas pemes”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaO PorriñoPontevedraPortada esquerda
A-
A+
Francisco Conde na visita ás instalacións de Digafer

Francisco Conde na visita ás instalacións de Digafer

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe no Porriño as instalacións da empresa Digafer onde coñeceu de primeira man un proxecto de innovación que está desenvolvendo, co apoio da Xunta, a través do programa Innterconecta, co que se impulsa as capacidades innovadoras do tecido empresarial galego e se favorece a cooperación.

O titular de Economía destacou que “Galicia está marcando a diferenza a través da innovación buscando novas respostas aos retos que ten a economía galega” poñendo como exemplo un proxecto que realiza Digafer con Hidronav e Kaleido, un escáner xigante para a detección de elementos radioactivos nos contedores portuarios co que se busca solucionar o tráfico ilegal de material nuclear.

Este proxecto de carácter internacional recibiu o apoio do Innterconecta, unha iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria na que nas dúas últimas edicións as empresas galegas participaron na metade dos proxectos conseguindo liderar 1 de cada 3.

En palabras de Conde, son “proxectos que están poñendo a Galicia na vangarda” poñendo en valor tamén a importancia da unión de esforzos de empresas, centros de coñecemento e administracións. Neste senso, indicou que o Goberno galego aposta por que as pemes sexan cada vez máis innovadoras, un dos obxectivos recollidos no Plan Galicia Innova 2020 que mobilizará 1775 millóns de euros para aumentar nun 10% os traballadores vinculados á I+D (ata 10.400); nun 15% as empresas innovadoras; e nun 20% o gasto empresarial en innovación.

“Galicia quere desenvolver o seu posicionamento nun novo mundo, un mundo máis global, máis internacional e onde a innovación está marcando a diferenza”, rematou.

27 de marzo de 2018 | 16:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.