publicidade hoxe

Francisco Conde asegura en Santiago que os espazos coworking son unha porta aberta a novas oportunidades

Francisco Conde na visita á exposición

Francisco Conde na visita á exposición

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asegurou hoxe en Santiago de Compostela que os espazos coworking son unha porta aberta a novas oportunidades, durante a visita que realizou ao II Encontro de Espazos Cowoorking Igape-EOI e ao II Foro Investimento de proxectos que se celebrou na Cidade da Cultura.

Conde puido coñecer polo miúdo unha selección de proxectos que se desenvolveron na segunda convocatoria destas aceleradoras promovidas pola Xunta e a Escola de Organización Industrial en oito municipios galegos (Celanova, Ferrol, Cabana de Bergantiños, Santiago de Compostela, Monforte de Lemos, Vilanova de Arousa, CIS Madeira-Ourense e Mondoñedo) e que, como principal novidade desta edición, ofreceron coworkings específicos sobre industria forestal (no CIS Madeira) e sobre o sector alimentario e turístico (na comarca de Arousa). Neste sentido, Conde valorou a diversidade de sectores e propostas que impulsaron estes espazos e que van desde a moda ao benestar, pasando pola agricultura ecolóxica ou a gastronomía.

Ademais da exposición de proxectos, a xornada tiña como obxectivo poñer en contacto aos emprendedores que forman parte desta iniciativa, dar a coñecer as iniciativas empresariais, así como propiciar sinerxías e realizar un foro de investimento que, segundo Conde, é unha oportunidade para dar visibilidade ás ideas dos emprendedores, plantexar as súas necesidades de financiamento e establecer contactos.

O conselleiro explicou que desde 2016 estes espazos levan permitido a consolidación de 303 proxectos promovidos por 370 emprendedores galegos, máis da metade mulleres (52%), potenciando o emprego nos concellos máis pequenos e favorecendo un emprendemento colaborativo, xa que durante o programa os participantes acceden a titorías e asesoramento individualizado, obradoiros específicos e a posibilidade de entablar relacións con outros profesionais.

7 de marzo de 2018 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.