publicidade hoxe

Francisco Conde: “As empresas que medran sobre a base do talento, a dixitalización e a formación conformarán a industria do futuro”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada esquerdaVigo
A-
A+
Francisco Conde na entrega dos XI Premios Emprendedor XXI

Francisco Conde na entrega dos XI Premios Emprendedor XXI

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe en Vigo no acto de entrega da XI edición Premios Emprendedor XXI a importancia de apoiar ás empresas que crecen sobre a base do talento, a I+D+i, a dixitalización e a formación, xa que serán as que conformen a industria do futuro. Así, o titular de Economía destacou que os galardóns que hoxe se entregaron, impulsados por Caixabank e a Empresa Nacional de Innovación S.A (Enisa), dependente do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade, comparten o mesmo obxectivo no que traballa a Xunta: identificar, recoñecer e acompañar ás novas empresas con gran potencial de crecemento.

Conde apuntou que os retos que conlevan emprender no século XXI están vinculados á innovación e a tecnoloxía, bases nos que se fundamenta o Plan Galicia Innova, co que o Goberno galego prevé mobilizar 1775 millóns de euros en investimento público e privado de aquí a 2020 co obxectivo de que a industria galega se beneficie dos últimos avances da investigación. A finalidade, tal e como avanzou o conselleiro, é que a actividade do tecido investigador se desenvolva en paralelo ás demandas das empresas. Neste senso, indicou que os Hubs de innovación será a plataforma para acadar esta transferencia de coñecemento, xa que serán espazos onde empresas e centros de coñecemento desenvolvan proxectos estratéxicos por sectores para conectalos co mercado.

Segundo explicou o conselleiro, os Hubs de innovación serán estruturas nas que as empresas, coa colaboración dos axentes tecnolóxicos, poderán acceder a servizos tecnolóxicos e formación, desenvolver os seus diferentes prototipos e facer convocatorias abertas para financiar os proxectos. Conde engadiu que no ámbito da I+D+i, “Galicia non parte de cero”, lembrando que a Xunta, en colaboración cos axentes, leva anos traballando para que o modelo de innovación aberta sexa unha realidade. O obxectivo do Goberno galego é, tal e como matizou, “abrir camiño ao talento e as novas ideas”.

Conde, así mesmo, expuxo que co Plan Galicia Innova, a Administración autonómica pretende poñer as bases para que calquera startup con posibilidades de éxito atope o seu camiño para consolidarse e abarcar grandes mercados. Con esta folla de ruta, o Goberno galego aspira a incrementar nun 10% o persoal empregado en I+D ata os 10.400 profesionais e a dispoñer dun 15% máis de empresas innovadoras ata superar o milleiro.

Para que o talento innovador se transforme en solucións tecnolóxicas pioneiras ou en startups é necesario, en palabras de Conde, o apoio público e privado. Para apoiar a innovación e o investimento público e privado, a Xunta ten en marcha as Unidades Mixtas de Investigación para sacar adiante proxectos de innovación. Ata o de agora hai en activo 30 que mobilizan 94 millóns de euros e que conta, entre outras compañías, coa colaboración de PSA, GKN, Calvo, Jealsa ou Repsol.

Así mesmo, no eido do emprendemento, a Consellería de Economía, Emprego e Industria conta cunha Rede de aceleradoras e Espazos coworking en diferentes sectores como a automoción co apoio de PSA; as TIC coa colaboración de Vodafone e Telefónica; no biotecnolóxico con Johnson&Johnson e a Fundación Kaertor que promoven a primeira incubadora de fármacos de España; o agroalimentario, onde a Xunta conta coa participación de empresas como Coren; e proximamente porase en marcha unha aceleradora específica para plans do eido aeronáutico.

Do que se trata, afirmou Conde para rematar, é dar unha oportunidade ás empresas con talento, xa que explicou que cos seus produtos e servizos estarán contribuíndo a crear unha industria máis moderna e a ofrecer maior calidade de vida para as persoas. “Onde está o talento está o futuro”, concluíu.

Os premiados

O gañador desta edición dos Premios Emprendedor XXI foi a empresa Qubiotench, que aplica a informática á diagnose clínica para facela máis certeira. O primeiro finalista foi a compañía Horticultura Hidropónica, que traballa en novos modelos de cultivo distintos ao solo agrícola, e o segundo finalista Netun Solutions, que conta cun dispositivo pioneiro para sinalar accidentes (help flash).

6 de marzo de 2018 | 17:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.