publicidade hoxe

Francisco Conde anima a prestixiar a economía social para facer dela un elemento vertebrador

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Francisco Conde na presentación do Foro pola Economía Social Galega

Francisco Conde na presentación do Foro pola Economía Social Galega

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, animou hoxe a prestixiar “entre todos” a economía social a través de medidas consensuadas entre o sector e a Administración, durante o acto de presentación, en Santiago de Compostela, do Foro pola Economía Social Galega, constituído pola Asociación de empresas de inserción de Galicia (Aeiga); a Agrupación empresarial de sociedades laborais de Galicia (Aesgal); a Asociación de cooperativas agroalimentarias (Agaca); a Asociación galega de centros especiais de emprego (Cegasal); e a Unión de cooperativas de Galicia (Espazocoop).

Na súa intervención, Conde cualificou este día de histórico e agradeceu ás entidades impulsoras do Foro esta iniciativa polo que significa en canto á unión de esforzos de todo un colectivo para identificar as súas necesidades, darlle visibilidade e contar cun interlocutor único: “Esta unión permitirá que poidamos avanzar conxuntamente para facer da economía social un aspecto vertebrador”, asegurou.

O conselleiro puxo en valor o traballo realizado polas entidades e empresas que conforman a economía social galega explicando que son 7000 empresas que xeran 320.000 postos de traballo e que representan o 10% do PIB galego e agradeceu a súa contribución á recuperación económica na Comunidade.

Ademais, gabou os valores que promove este modelo na procura da creación de emprego estable e de calidade a través do fomento da igualdade de oportunidades, a inclusión, o desenvolvemento local ou o compromiso social e medio ambiental, que amosa que “cando se traballa con valores se contribúe de xeito diferente á economía e á sociedade, porque este sector pon en primeiro plano as persoas demostrando que unha forma de facer empresa distinta é posible”, afirmou Conde.

O conselleiro destacou que no modelo produtivo que Galicia está consolidando o traballo da man coa economía social é necesario para ser máis competitivos e sinalou que Galicia conta cos instrumentos precisos, tanto desde o punto de vista do marco normativo, coa Lei de Economía Social coa que se pretende impulsar o diálogo e seguir identificando as medidas que son necesarias, como desde o punto de vista da planificación, xa que se está a traballar na Estratexia galega da economía social, “un reto colectivo para favorecer a creación de emprego nos colectivos de máis difícil acceso, buscar novas fontes de financiamento e difundir os valores e principios deste modelo”.

Conde salientou, ademais, algunhas das medidas que xa están en marcha e que se seguirán mantendo en 2018 -cun investimento de 17 millóns de euros-, como o apoio aos centros especiais de emprego e ás empresas de inserción, o programa Aprol Rural Economía Social ou a Rede Eusumo, entre outras iniciativas.

13 de marzo de 2018 | 16:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.