publicidade hoxe

Deputación de Lugo e Concello promoven a XXXII Feira do Queixo do Cebreiro cun volume de negocio duns 15.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoPedrafita do Cebreiro
A-
A+

O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, e o Alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo Magdalena, presentaron este luns a XXXI Feira do Queixo do Cebreiro, declarada Feira de Interese Turístico Galego, que terá lugar o vindeiro venres, 30 de marzo. O Goberno da Deputación colabora co Concello da Montaña Lucense na organización deste evento cunha achega de 3.000 euros, para promover un produto autóctono de calidade e dinamizar a través desta cita a economía da comarca. No acto tamén participou o Presidente do Consello Regulador Denominación de Orixe, Enrique Fernández Paradela.

Santos Ramos subliñou que “a Feira do Queixo do Cebreiro é unha das grandes citas gastronómicas da nosa provincia, na que se pon en valor un produto autóctono de calidade que conta co distintivo de Denominación de Orixe Protexida dende fai unha década. Así, co impulso a esta feira queremos contribuír á súa comercialización e, ao mesmo tempo, dinamizar a economía da Montaña Lucense, pois o evento xera un volume de negocio próximo aos 15.000 euros, poñéndose á venda uns 3.000 queixos a un prezo de entre 5 e 6 euros”.

O Deputado engadiu que “se trata dunha excelente ocasión para exaltar este queixo fresco, considerado un dos máis exquisitos do país, e elaborado con leite pasteurizada, sen conservantes nin produtos medicamentosos, que o converte nun delicioso manxar. Esta festa gastronómica celébrase desde 1987 e cada ano asisten miles de persoas atraídas pola súa fama”.

Na feira participarán as Queixerías acollidas ao Consello Regulador, estas son: Castelo de Brañas, Queixo Santo André, Marqués de Cernadas, e Gran Despensa Abadía de Samos poñendo á venda uns 3.000 queixos a un prezo de entre 5 e 6 euros. O prezo destes varía en función do peso, dende os 300 gramos ata o quilogramo. En total, haberá uns 160 stands, nos que tamén se poderán adquirir outros produtos tradicionais e elaborados de maneira artesanal. Como novidade este ano, tamén se poñerá á venda queixo curado e haberá un stand de produtos de porco celta.

O queixo do Cebreiro, conta con Denominación de Orixe Protexida dende o ano 2008, e esta elaborado con leite de vacún, sen conservantes nin produtos engadidos. A súa de zona de produción comprende os concellos de Pedrafita, O Courel, Cervantes, Triacastela, As Nogais, Navia de Suarna, Becerreá, Baralla, Baleira, Castroverde, A Fonsagrada, Láncara e Samos.

Programación

A XXXII Feira do Queixo dará comezo a partir das 09.30 horas coa apertura dos stands.

Os asistentes a esta xornada tamén poderán adquirir outros produtos elaborados de forma artesá, como mel, viño, pan, empanadas, produtos da horta, repostaría, embutidos, licores, pezas de artesanía como coitelos, pezas de coiro, madeira ou cerámica. Ademais, a partir das 11:00 horas poderán gozar do pasarúas a cargo da Charanga DGT e ás 12:00 horas haberá un baile rexional a cargo da Asociación Cultural Xistra de Pedrafita.

Francisco Sineiro García, profesor de Economía Agraria da Universidade de Santiago de Compostela, será o encargado este ano de realizar o pregón, acto que terá lugar ás 13.00 horas e que dará paso, unha hora máis tarde, ao comezo da comida oficial da festa.

19 de marzo de 2018 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.