publicidade hoxe

Cultura iniciou os traballos de campo que axudarán a datar as pinturas da Cova dos Mouros, en Baleira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaleiraLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria iniciou os traballos de campo na Cova dos Mouros, en Baleira, para tratar de extraer a maior información posible acerca do xacemento, en especial para afondar nos achados de pinturas rupestres.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, desprazouse hoxe ata o lugar xunto con técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural para coñecer detalles dos traballos da man do equipo arqueolóxico responsable, o Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste, Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT) da Universidade de Santiago de Compostela, dirixido polo Catedrático de Prehistoria Ramón Fábregas Valcarce.

A escavación está dirixida polo arqueólogo Carlos Rodríguez Rellán e conta cun equipo de asesores da propia Universidade de Santiago de Compostela, da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia (Pontevedra) e da Universidade de Alcalá de Henares (Madrid).

Balseiro explicou que a consellería inviste 21.000 euros nesta intervención arqueolóxica, que tentará contextualizar cultural e cronoloxicamente as pinturas, detectar evidencias de arte soterrada, así como recuperar restos de cultura material (cerámica, ferramentas en pedra…) que axuden a coñecer a natureza das actividades que se desenvolveron nesta pequena cova. Ademais, realizarase unha prospección da contorna da Cova dos Mouros co fin de documentar posibles novas cavidades nas que puidesen existir restos de pinturas similares aos xa documentados.

A cova dos Mouros está situada na Fontaneira, na cima do Monte das Penas, a unha altitude de 867 metros; mide 20 metros de profundidade, a boca ten 6,50 metros de ancho e a altura oscila entre os 2,20 metros e os 3,10 metros.

No pasado ano localizáronse once paneis pictóricos de gran interese, o que levou á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a realizar un estudo preliminar valorativo que concluíu, de forma provisional, que pode tratarse dun exemplar único da historiografía denominada “pintura esquemática”, cunha cronoloxía que se sitúa entre o ano 5.000 e o ano 1.000 antes de Cristo (entre o Neolítico e a Idade de Bronce).

Esta nova fase dos traballos pretende corroborar e profundizar nestes datos. En concreto, os traballos arqueolóxicos que realizan consisten en sondaxes en tres sectores da cova e nun levantamento topográfico tridimensional xeorreferenciado de alta resolución do interior e da entrada da cavidade mediante as técnicas de láser escáner e fotogrametría terrestre.

22 de marzo de 2018 | 18:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.