publicidade hoxe

Cetmar aborda nun seminario o aproveitamento de compostos naturais de orixe mariña para unha acuicultura máis sustentable

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPortada dereitaVigo
A-
A+

“Probióticos e nutracéuticos de orixe mariña aplicados á acuicultura. Estado do arte” é o título do seminario que o vindeiro 15 de marzo terá lugar na sede do Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo organizado en colaboración coa empresa BIALACTIS BIOTECH, socia da Fundación CETMAR no proxecto no que se inscribe esta actividade, CVMAR+i.

Durante a xornada abordarase o uso de microorganismos e doutros recursos mariños como alternativas ao emprego de antibióticos e outros axentes profilácticos para facer fronte as enfermidades dos peixes cultivados na acuicultura, de forma que sexa posible optimizar a produción dunha maneira máis natural e respectuosa co medio ambiente.

As limitacións no uso de antibióticos e o fomento dun sector acuícola máis sustentable están a potenciar outras solucións para tratar as enfermidades nas especies cultivadas, alternativas baseadas no uso de probióticos e nutracéuticos, neste caso de orixe mariña.

Trala apertura por parte da directora-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar, o programa do seminario inclúe varios relatorios sobre o aproveitamento e valorización de determinados compostos naturais mariños, ademais dunha presentación sobre o proxecto CVMAR+i (http://cvmari.cetmar.org), unha iniciativa financiada polo Programa de Cooperación Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal e liderada pola Universidade do Minho, na que participa a Fundación CETMAR.

O devandito proxecto traballará ata decembro de 2019 en promover a innovación industrial en torno á biotecnoloxía mariña, ofrecendo novos produtos a base de compostos de orixe mariña. Esta innovación industrial implica a sinerxía entre as empresas e os centros de investigación da zona fronteiriza.

6 de marzo de 2018 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.