publicidade hoxe

“Cantos á natureza”, obra póstumas de Xosé Neira Vilas, preséntase nun concerto en Vila de Cruces

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereitaVila de Cruces
A-
A+
Portada do libro

Portada do libro

O Auditorio Xosé Casal de Vila de Cruces acolle este sábado 10 de marzo, ás 20.00 h, a presentación do libro CD “Cantos á natureza” publicado por Edicións Fervenza, composto por poemas de Xosé Neira Vilas e musicalizados por Cesáreo Torres, Susana de Lorenzo e Alejo Amoedo.

No concerto, que estará aberto ao público ata completar aforo, contarase coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García; o gañador do XXXV premio Raíña Sofía de Composición Musical, Juan Durán; e o alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero, entre outros.

A obra

Cantos á natureza é un poemario, con versos póstumos do célebre escritor Xosé Neira Vilas que, dentro dun proxecto máis ambicioso, se converteron en canción da man dos compositores Juan Durán, Xabier Comesanha, María Mendoza, Paulino Pereiro e Margarita Viso. A interpretación lírica correu a cargo do tenor Cesáreo Torres, a soprano Susana de Lorenzo e o pianista Alejo Amoedo e; para dotar de maior beleza a esta obra, cada un dos poemas acompáñanse das ilustracións de Irene Silva.

Foi no verán de 2015 cando Cesáreo Torres lle propuxo a Xosé Neira Vilas un ambicioso proxecto, no que novos poemas do célebre escritor se converterían na letra de cancións líricas. Tras paralizarse o proxecto polo pasamento de Xosé Neira Vilas, meses despois, todos os implicados retomarían, con máis ganas se cabe, a consecución desta obra que agora ve a luz como homenaxe á memoria do grande escritor.

Colaboracións

Esta publicación, editada por Edicións Fervenza, contou coa colaboración da Fundación Xosé Neira Vilas, o Auditorio de Galicia -onde se gravaron as cancións-, a Radio Galega, o Concello de Vila de Cruces, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

Así mesmo, tamén cabe destacar a colaboración prestada neste proxecto por Pablo Barreiro, Silvia Modia e José Ramón Moire.

7 de marzo de 2018 | 16:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.