publicidade hoxe

Augas de Galicia licita a obra que conectará as parroquias de Moar e Añá á rede de abastecemento de Frades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFradesLocal Portada
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a licitación da obra de abastecemento de auga ás parroquias de Moar e Añá, no Concello de Frades, cun orzamento de 790.821,37 euros cofinanciado nun 75 % a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural Galicia 2014-2020.

O obxectivo desta actuación hidráulica é dotar de servizo de abastecemento a estes dous núcleos de Frades, un concello que dispón de rede de abastecemento pero á que non están conectadas aínda nin Moar nin Añá.

Na actualidade estas dúas parroquias obteñen subministro de auga a través de traídas particulares, pozos e outros métodos. Esta situación pode derivar en problemas de salubridade ocasionados polas condicións das augas subterráneas dalgunhas zonas, así como problemas co mantemento das infraestruturas.

Co fin de evitar estas posibles complicacións, Augas de Galicia licita hoxe esta actuación, que consistirá na execución dunha nova rede de abastecemento cunha lonxitude de 21.385,72 metros que permitirá conectar aos veciños de Moar e Añá á rede de distribución municipal actual.

Coa execución desta obra, o investimento do Goberno galego na mellora do saneamento e o abastecemento no Concello de Frades desde o ano 2009 aproximarase aos 2,5 millóns de euros. Así, en 2010 Augas de Galicia executou dúas actuacións por preto de 260.000 euros para garantir a distribución de auga potable á parroquia de Galegos e en 2015 foi recibida a obra dos colectores xerais de Ponte Carreira, na que se investiron 1.360.000 euros.

8 de marzo de 2018 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.