publicidade hoxe

As mulleres do goberno da Deputación de Pontevedra lideran o paro na folga do 8 de marzo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPontevedra
A-
A+

A presidenta da Deputación de Pontevedra, xunto ás deputadas provinciais, mulleres do goberno e funcionarias da institución provincial sumáronse á folga de mulleres convocada con motivo do Día Internacional da Muller. O acto central da folga tivo lugar ás 12.00 h, cando máis dun centenar de mulleres concentráronse nas portas do Pazo Provincial nun acto reivindicativo no que Carmela Silva leu o manifesto que elaborou ela mesma para reivindicar os dereitos das mulleres e denunciar a fartura ante as discriminacións que están a sufrir.

No seu manifesto, Carmela Silva denunciou “que as mulleres non queremos vivir nun mundo no que a fenda salarial entre mulleres e homes, en Galicia, é do 22%, é dicir, para percibir o mesmo salario que os homes por facer o mesmo traballo as mulleres galegas teríamos que traballar 71 días máis. Nun mundo no que as nosas pensións son 40 puntos por debaixo das dos homes. Nun mundo no que, pese á nosa preparación, pese ás nosas cualificacións, non quere vernos en situacións e postos de poder”. A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén ofreceu datos obxectivos de todos os eidos da sociedade no que as mulleres están infrarepresentados e criticou a invisibilización de mulleres que tanto teñen aportado a humanidade, incluso nos libros de texto onde as mulleres tampouco están representadas da maneira que merecen segundo reflexa a realidade.

A presidenta da Deputación, na súa reivindicación, tamén quixo explicar que “este movemento das mulleres persegue construír unha sociedade para todas e todos” e que “queremos un sistema no que teñamos os mesmos dereitos cos homes: mesmos dereitos salariais e laborais, mesmas posibilidades de estar nos postos de dirección, mesma liberdade para elixir a nosa identidade e liberdade sexual, mesma capacidade para desenvolver as nosas profesións, que as actividades de coidado sexan compartidas por homes e mulleres, que se arranque das nosas sociedades as violencias machistas que padecemos.”

No remate da súa intervención, na que citou a importantes activistas feministas como Elizabeth Cady Stanton, Audre Lorde, Flora Tristán, Emmeline Pankhurst o Rosalía de Castro, exclamou que hai centos de razóns para facer esta folga e que “este 8 de marzo vai quedar na memoria da humanidade como o día no que as mulleres decidiron alzar a voz e ser protagonistas da loita pola igualdade, que tanto ben lle fará á humanidade.

8 de marzo de 2018 | 18:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.