publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

As Feiras do Libro de Galicia percorren 16 concellos durante a primavera e o verán para dinamizar o sector e fomentar a lectura

As Feiras do Libro de Galicia 2018 percorrerán desde o 16 de marzo e ata o 25 de agosto un total de 16 concellos, cun calendario ao que se suma, como novidade, Sanxenxo. As localidades de Verín, de Ferrol, de Santiago de Compostela, do Porriño, de Lugo, de Ourense, de Redondela, de Ribeira, de Vigo, de Rianxo, de Ponteareas, da Coruña, de Viveiro, de Foz e de Monforte de Lemos completan a programación deseñada pola Federación de Librarías de Galicia. A Consellería de Cultura e Educación colabora con esta iniciativa achegando, a través da Secretaría Xeral de Cultura, 120.000 euros para o desenvolvemento desta programación.

Trátase dunha “tradicional e esperada cita anual coa cultura e co libro”, segundo explicou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que esta mañá presentou o calendario feiral para o 2018, acompañado pola presidenta e polo vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez e Xosé Antón Pedreira, respectivamente; e pola subdirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal. “As novidades editoriais volverán saír ás rúas dos concellos galegos para achegarlle á cidadanía o libro e a lectura, nun percorrido que as levará polas catro provincias galegas”, dixo Anxo Lorenzo.

Preto de 400 actividades na pasada edición

“As feiras do libro veñen acompañadas dunha completa programación de actividades para todos os públicos, desde presentacións de obras, ata espectáculos como concertos ou contacontos”, explicou Anxo Lorenzo, quen recordou que en 2017 se realizaron preto de 400 actividades, ás que asistiron arredor de 8.500 persoas.

As Feiras do Libro de Galicia celébranse nos meses da primavera e do verán, con postos de venda de exemplares xestionados polos libreiros, o que, xunto coa programación de actividades paralelas, fai destes eventos unha cita de alto interese cultural.

Un percorrido por 16 concellos en seis meses

Verín acolle o venres 16 o arranque das Feiras do Libro de Galicia 2018, ata o día 19. A continuación, percorrerán os concellos de Ferrol, do 19 ao 23 de abril; Santiago de Compostela, do 28 de abril ao 6 de maio; o municipio do Porriño, onde se desenvolverán do 10 ao 13 de maio; a cidade de Lugo, do 15 ao 20 de maio; o concello de Ourense, do 30 de maio ao 6 de xuño; e o concello de Redondela, do 7 ao 10 de xuño.

Xa no inicio do verán, as Feiras do Libro de Galicia percorrerán os municipios de Ribeira, do 21 ao 24 de xuño; de Vigo, do 28 de xuño ao 7 de xullo; de Sanxenxo, entre o 10 e o 15 de xullo; de Rianxo, do 19 ao 22 de xullo e de Ponteareas, do 22 ao 29 de xullo. Pecharán a edición de 2018, no mes de agosto, na Coruña, desde o 1 ata o día 10; en Viveiro, do día 11 ao 15; en Foz, entre o 16 e o 19; e, finalmente, en Monforte de Lemos, do día 22 ao 25.

7 de marzo de 2018 | 19:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.