publicidade hoxe

A Xunta publica a aprobación da transferencia ao Concello de Redondela da travesía interior deste municipio e os seus ramais de enlace coa N-550

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraRedondela
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación da transferencia ao Concello de Redondela da travesía interior deste municipio e os seus ramais de enlace coa estrada N-550.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información deste anuncio no DOG: https://goo.gl/S5Xyde

Este municipio solicitou a Consellería de Infraestruturas e Vivenda o cambio de titularidade da travesía interior de Redondela (antiga N-550). Trátase dun treito antigo da actual estrada N-550, transferido polo Estado á Xunta en 1982, xurdido como resultado da construción dunha variante da estrada nacional no núcleo de Redondela.

Ao abeiro das previsións legais, a Área de Planificación e Programación da Axencia Galega de Infraestruturas informou favorablemente o cambio de titularidade da travesía interior de Redondela e os seus ramais de enlace coa estrada N-550, que ten funcionalidade local e conta cunha alternativa de maior capacidade.

Esta infraestrutura ten un carácter eminentemente urbano, constituíndo unha rúa do núcleo de Redondela, acoutada polas edificacións e con múltiples accesos a rueiros secundarios.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda ten entre as súas funcións a tramitación dos cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da comunidade autónoma e das entidades locais.

Coa transferencia, o Concello de Redondela será o responsable da conservación e mantemento e poderá actuar sobre esta vía de acordo coas súas características, sen ser de aplicación as restricións da normativa autonómica de estradas, como por exemplo as limitacións de usos ou actividades nas súas marxes ou os accesos.

13 de marzo de 2018 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.