publicidade hoxe

A Xunta promove novas rutas de autobús durante a Semana Santa con paradas na praia das Catedrais no entorno horario da marea baixa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRibadeo
A-
A+

O venres 23 de marzo comezarán a funcionar novas rutas de autobús con oito paradas diarias na praia das Catedrais, que estarán operativas ata o luns 2 de abril para cubrir a demanda durante a Semana Santa. Os horarios axustaranse en cada xornada segundo as previsións da marea baixa.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda incluíu a previsión de cubrir estes traxectos no contrato de adxudicación coa empresa que realiza o servizo de transporte por autocar entre Ribadeo e Foz para os períodos de maior concorrencia de visitantes, a Semana Santa e o verán, entre os meses de xullo e setembro.

Balseiro lembrou que xa está en marcha o operativo de visitas guiadas e acceso con autorización, que será necesaria entre os 23 de marzo e o 2 de abril. Neste período, o número de visitantes limítase a 4.812 persoas ao día co fin de incrementar a protección deste monumento natural.

Tamén con este obxectivo, a Consellería do Medio Ambiente aconsella evitar o acceso ao Monumento Natural da Praia das Catedrais a través do camiño superior da zona do cantil. Así se lle vén de trasladar aos responsables do Concello de Ribadeo, aos que se lles recomendou que, en previsión da afluencia de visitantes que se esperan nesta Semana Santa, deriven aos usuarios cara ao camiño natural existente nas proximidades.

Esta medida é consecuencia dun estudo sobre os procesos erosivos dos cantís no monumento natural, que inclúe o tránsito de persoas -sobre todo na parte superior dos cantís- entre os factores de presión que favorecen e aceleran a erosión de tipo continental.

Transporte público

A empresa adxudicataria do transporte na zona xestiona 150 autorizacións diarias, que se inclúen co billete de autobús ata completar a cota, de forma que os viaxeiros que utilicen os autobuses habilitados durante a Semana Santa teñen asegurado o acceso ao areal sen realizar ningún trámite.

Con esta iniciativa, a Xunta intenta promover o acceso á zona en transporte público, o que reduce a presenza de vehículos ofrecendo unha alternativa máis ecolóxica que contribúe a lograr unha explotación turística sustentable do monumento.

Os autobuses teñen os puntos de saía e destino nas estacións de Ribadeo e Foz, e fan paradas intermedias en Espiñeira -no municipio focense-, San Cosme de Barreiros e San Miguel de Reinante -en Barreiros- e na praia das Catedrais, xa no municipio de Ribadeo.

Dado que atenden á previsión horaria da baixamar, os horarios son distintos en cada xornada. Así, o servizo máis madrugador será o que sae o día 30 de marzo ás 8.30 horas da mañá de Ribadeo. Ese día a marea baixa está prevista para as 10.37 horas (a seguinte será xa plenamente de noite, ás 22.49 horas).

Pola contra, o servizo coa parada máis tardía na praia sairá o día 28 de marzo ás 21.30 horas de Foz (con chegada aproximada ás Catedrais ás 21.52 horas). Para esa xornada prevense mareas baixas ás 9.04 horas da mañá e ás 21.18 horas da noite.

As persoas interesadas poden consultar os horarios dispoñibles en cada xornada na páxina web da empresa adxudicataria: http://morangrupo.es

As reservas de autorizacións de acceso ao areal tramítanse na seguinte páxina web da Xunta de Galicia: https://ascatedrais.xunta.gal

21 de marzo de 2018 | 16:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.