publicidade hoxe

A Xunta presenta as directrices enerxéticas de Galicia para mellorar a calidade de vida dos cidadáns e obter un crecemento económico sustentable

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoLugo
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, avanzou hoxe en Lugo, durante a celebración da xornada do Día da Eficiencia Enerxética, que o Goberno galego presentará nos vindeiros días as Directrices enerxéticas de Galicia 2018-2020 con dous obxectivos fundamentais: a mellora da calidade de vida dos galegos, ofrecendo máis e mellores servizos, e alcanzar un crecemento económico sustentable grazas ao aforro enerxético e ao impulso de recursos autóctonos.

Tal e como explicou Conde, unha das prioridades das Directrices Enerxéticas será a diminución do consumo enerxético. Neste sentido, asegurou que a meta é a rebaixa do consumo nun 4%, con aforros económicos superiores a 150 millóns de euros anuais: “Seguimos avanzando nun novo paradigma enerxético que ten que dar servizo aos cidadáns e lograr un modelo económico máis competitivo, fundamentándose nunha economía verde e sustentable que aposte pola eficiencia enerxética, pero tamén polas renovables”, afirmou Conde.

Así, o conselleiro falou da importancia de impulsar unha cultura da eficiencia enerxética entre os cidadáns, as empresas, as administracións, pero tamén os investigadores, para o desenvolvemento de solucións innovadoras neste eido. Tal e como adiantou, o Goberno galego seguirá adoptando medidas para desenvolver o aforro enerxético en todos estes colectivos.

No eido das renovables, Conde insistiu na oportunidade de desenvolvemento económico que suporá para a Comunidade que “a Galicia verde se identifique coas renovables” e avogou por seguir fomentando recursos como a hidráulica, a biomasa ou a enerxía eólica. Así, lembrou que, grazas á Lei de implantación empresarial, xa se declararon un total de 21 parques de especial interese, o que suporá unha maior axilidade na tramitación para que poidan estar funcionando antes de 2020 cun investimento de 543 millóns de euros, unha potencia de 500MW e a creación de 7000 empregos. No sector eólico, Lugo terá un protagonismo especial, porque deses 21 parques, 15 implantaranse na provincia, o que supón o 75% dos MW (375MW) e do investimento (405 millóns de euros), así como ao redor de 5000 postos de traballo “para que Lugo sexa líder no sector eólico e protagonice o desenvolvemento dunha economía máis verde”.

O conselleiro rematou explicando que este novo paradigma enerxético que avanza cara unha economía verde, supón para Galicia unha importante oportunidade en canto a aforro enerxético; para o desenvolvemento económico da Comunidade a través da aposta polas renovables; pero tamén permitirá que a rexión conte cunha vantaxe competitiva ao conseguir identificar este novo modelo coa marca Galicia.

5 de marzo de 2018 | 16:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.